Vilagarcía renovará este ano a herba artificial do campo de fútbol e rugby Manuel Jiménez
Por Redacción
A renovación da herba artificial do campo de fútbol Manuel Jiménez será a próxima actuación que o Concello de Vilagarcía execute no marco do seu plan de mellora e mantemento das insfraestrututras deportivas municipais. A substitución do céspede sintético desta instalación terá un custe aproximado de 275.000 euros que afrontarán con fondos propios do Concello. A dispoñibilidade do financiamento fai que a obra se poida executar no segundo semestre do ano, tan pronto como se redacten os pregos para licitar os traballos.
A substitución da herba artificial do Manuel Jiménez era unha das medidas que o executivo local tiña en previsión dentro da programación de actuacións de mantemento periódicas dado que o tepe actual atópase xa na última etapa do seu período de vida útil –foi instalado en agosto de 2011- e que debido ao uso intensivo das instalacións está desgastado. Co novo investimento planificado polo Concello aténdese tamén a demanda trasladada polos clubs usuarios do Manuel Jiménez.
Coa actuación que se vai a acometer, a instalación dotarase de céspede artificial de última xeneración e coas características técnicas que establecen organismos como a FIFA QP e a WRugby para a celebración de competicións de máximo nivel tanto de fútbol como de rugby.
Este non será o único investimento relevante que o Concello de Vilagarcía vai a executar nos vindeiros meses para mellorar as instalacións deportivas municipais xa que tamén están en marcha outros grandes proxectos que permitirán a Vilagarcía modernizar as súas infraestruturas, continuar potenciando a práctica de todo tipo de actividade deportiva, e tamén contar coas condicións idóneas para acoller competicións oficiais e eventos de ámbito nacional e internacional. Con estes obxectivos mellorarase e ampliarase a piscina municipal Celestino Brianes (cun investimento de 3,7 millóns de euros) e se levará a cabo a reforma integral do pavillón número 1 de Fontecarmoa (outros 2,1 millóns de euros).
Relacionadas:
-
O torneo de benxamíns Cidade de Vilagarcía regresa con invitados da talla do Real Madrid, Atlético, Athletic Club, Celta, Porto ou Sporting de Lisboa
Por Redacción |
-
Así gastará Vilagarcía os 2,2 millóns de euros do remanente do ano pasado
Por Oskar Viéitez |
-
A Arousa Fútbol-7 completa o seu cadro final tras unha emocionante fase previa
Por Redacción |