O Poio Pescamar pon fin ao seu exilio pontevedrés para regresar á súa casa na Seca
Por Redacción
O Poio Pescamar volve a casa. Tres meses despois do exilio forzoso ao Príncipe Felipe de Pontevedra polas obras no pavillón da Seca, as vermellas volverán ser locais de verdade este sábado ás 17 horas recibindo na súa cancha e #ante o seu público ao AD Alcorcón.
O 10 de decembro do 2022, na xornada 12, o cadro conserveiro vencía por 2 - 0 ao Roldán no seu último partido en Poio antes de facer as maletas.
Durante estes tres meses, o primeiro equipo adestrou entre o Príncipe Felipe e o pavillón de Lourido. No escenario pontevedrés disputaron cinco partidos, catro en liga (vitorias ante Marín, Futsi e Teldeportivo, así como un empate co Viaxes Amarelle) e a semifinal de Copa Galicia, na que caeron ante o Burela. "Saímos co gran recordo do triunfo sobre o equipo de Navalcarnero, ao que nunca gañaramos como local", destacan desde a entidade.
O peche do pavillón da Seca trastornou tamén os plans dos equipos da base. "Desde Lourido ou o IES de Poio, ata o Príncipe Felipe e o CEIP San Benito de Lérez en Pontevedra e, mesmo, partidos exercendo de local no pavillón do Toural, Vilaboa", lembran desde o club unha diáspora que toca por fin ao seu fin.
Logo do parón da liga pola celebración da Eurocopa, é o momento de afrontar a recta final da liga, á que quedan nove xornadas por disputar. O obxectivo do equipo vermello é a clasificación para o playoff polo título por primeira vez na súa historia, para o que contan cunha renda de 14 puntos sobre o quinto posto, que ocupa precisamente o Alcorcón.
Unha vitoria, ademais de tranquilidade e tres puntos de ouro, suporía romper dous novos récords: o de maior puntuación en Primeira División (logrado o curso pasado con 55) e os de máis triunfos en liga (na campaña 2017 / 2018 e na 2021 / 2022 sumaron 17, os mesmos que suman actualmente).
Relacionadas:
-
A vermella Marta Peñalver estará oito meses de baixa por unha grave lesión de xeonllo
Por Redacción |
-
Repartición de puntos na reestrea da Seca entre Poio Pescamar e Alcorcón (1-1)
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Duelos de altura para Poio Pescamar e Marín Futsal no regreso da liga
Por Redacción |
-
Remontada e triunfo do Poio Pescamar sobre o Teldeportivo (3-1)
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Repartición de puntos entre Alcantarilla e un Poio Pescamar incapaz de asaltar o liderado (2-2)
Por Redacción |
-
Reválida para o Poio Pescamar no seu asalto ao liderado, visita complicada para o Marín Futsal
Por Redacción |
-
O Burela deixa o Poio Pescamar fóra da final da Copa Galicia
Por Redacción |