A marinense Irene Trabazo revalida en Dumbría o título de campioa galega de ciclocrós
Por Redacción
O Club Ciclista Marín desprazábase este fin de semana ata Dumbría para disputar os Campionatos de Galicia de Ciclocrós nos que o equipo conseguiu un total de tres 3 medallas, sempre da man das rapazas, con titulo galego incluído para Irene Trabazo, que desta forma revalida o campionato galego cadete, perfilándose como seria aspirante ao nacional que se disputará en xaneiro na localidade castellonense de Segorbe.
As primeiras medallas chegaban da man de Alejandra Acuña e Ana Belén Domínguez, segunda e terceira respectivamente, na proba reservada para a promoción, na que tamén participaron Yeray del Río e Raúl Portabales, coa ausencia de Gabriel Sobrado por enfermidade.
A continuación disputáronse as categorías de cadetes e féminas, onde unha fortísima Irene Trabazo conquistou o maillot de Campioa de Galicia de ciclocrós por segundo ano consecutivo na súa categoría, demostrando que está preparada para afrontar os Campionatos de España da modalidade que se disputaran en Segorbe os días 11 e 12 de xaneiro. Na proba tambien participaron os cadetes marinenses, David Piñeiro e Francisco Javier Padín, entrando 17º e 18º respectivamente.
Logo sería a quenda dos másters na que Fernando e Pablo Martínez remataron en 22º e 25º lugar, en Máster 30, categoría na que José Alberto del Río tivo que abandonar por avaría mecánica, mentres que Félix Sánchez conseguiu a 26ª posición, en Máster 40.
Por último, a participación marinenses no campionato completouna Andrés Seoane, que finalizou en 13º lugar na categoría Júnior.