Complicada volta á competición para o Poio FS coa visita á cancha do poderoso Burela
Por Redacción
Volve a liga para o Poio Futbol Sala tras o parón propiciado polo Mundial e faino cun duelo complicado na pista do actual campión de liga e copa, o Burela (sábado 18:30 horas no Pavillón Municipal de Vista Alegre).
As vermellas afrontan o último partido do ano coa intención de seguir progresando na súa estrea na máxima categoría gañando a un equipo que só perdeu un partido na presente liga e que en caso de saír vitorioso empataría na cabeza da clasificación co Atletíco de Madrid e o Alcorcón.
Para este difícil reto Marcio Santos poderá contar con todo o plantel á súa disposición, empezando pola flamante mundialista Ceci e seguindo con Silvia, Carmen, Elena, Charo, Yoly, Kiko, Peke, Anita, Mar, Paloma e Claudia, que completan a convocatoria.
Tamén terán da súa parte as de Poio a unha boa representación da súa afección, posto que a peña Os Miñocas organizou unha viaxe á que se anotaron 80 seguidores que animarán o equipo na Mariña.