Dominio absoluto do Arxil no derbi fronte o Cortegada (64-47)
![Manu](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/c92/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/613a3b2f4f-20210902-patxot-radio-programa-deportes-1889.jpg)
Por Manu Otero
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/960/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/63f895ffe5-20230223-patxot-arxil-cortegada-0640.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/6ba/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/63f8962ecc-20230223-patxot-arxil-cortegada-0637.jpg)
© Mónica Patxot
O Arxil recuperou este xoves o partido aprazado da xornada anterior fronte ao Cortegada. As verdes recibiron no CGTD ao conxunto arousán, ao que superaron con claridade grazas ao seu bo xogo e ao apoio da afección.
A clave do partido estivo baixo os aros. Alí o Arxil demostrou a súa superioridade ao capturar a maior parte dos balóns que rebotaban no aro ou o taboleiro. Logo, a calidade no tiro de xogadoras como Carla Fernández, Forster ou Nena Trajchevska fixeron o resto.
A macedonia, cuxa convocatoria internacional xunto coa de Wanyama, do Cortegada, motivaran o aprazamento do derbi, foi a xogadora mellor valorada do partido polos seus 15 puntos e 7 rebotes. Ademais, sempre estivo ben escoltada polas inspiradas Carla e Forster, que anotaron 12 e 11 puntos respectivamente.
A balanza do partido inclinouse rapidamente ao lado do equipo local. Ao finalizar o primeiro cuarto, as de Maite Méndez tiñan unha vantaxe de nove puntos que ía resultar decisiva. De feito, no segundo período ampliaron aínda máis a súa renda ata os 12 puntos (38-26).
Tras o paso por vestiarios, o Arxil baixou un pouco o nivel e o Cortegada, buscando sempre a unha non moi acertada Wanyama, logrou reducir algo a distancia. Un espellismo. Porque no cuarto final, o Arxil volveu pisar o acelerador para anotarse unha sempre confortante vitoria ante un rival próximo que, ademais, achega ás pontevedresas á cuarta praza, na que están igualadas a vitorias co Logroño.