Tere Abelleira despídese da Copa de Nacións con goleada e unha nova titularidade
Por Redacción
A Selección Española Feminina pechou na pasada madrugada a súa participación no campionato amigable da Copa de Nacións. Un torneo no que a pontevedresa Teresa Abelleira tivo unha boa dose de protagonismo ao completar os noventa minutos de xogo nas dúas vitorias do combinado nacional fronte a Xamaica e República Checa. A centrocampista do Real Madrid só quedou no banco nun partido, na derrota fronte a Australia (3-2).
No terceiro partido, Abelleira saíu como titular nun centro do campo compartido con Jenni Hermoso e Irene. Do mesmo xeito que ocorrera no encontro inaugural, a galega disputou o partido completo e foi o eixo polo que pasaba a construción das xogadas ofensivas do equipo de Jorge Vilda.
As españolas foron as incuestionables dominadoras do esférico desde o asubío inicial e gozaron das mellores oportunidades de gol dun partido no que terminaron goleando (3-0).
A compañeira de equipo de Tere Abelleira no Real Madrid, Esther González, foi a encargada de abrir o marcador ao rematar un centro raso de Sheila García. O segundo tanto tamén foi obra da dianteira de Huéscar ao rematar outro bo centro de Marta Cardona.
Xa na segunda parte, outra gran coñecida da pontevedresa, foi compañeira súa no Deportivo e o é agora no conxunto branco; Athenea del Castillo redondeou a goleada ao transformar un penalti.
Disputados os tres encontros do campionato celebrado en Australia, España regresa a casa cun botín de dúas vitorias, oito tantos a favor e tres en contra que lle permitiron acabar en segunda posición, por detrás das anfitrioas, que gañaron os seus tres partidos.