40 taekwondistas pontevedreses, recoñecidos polos seus éxitos no Campionato de España
Os deportistas da provincia de Pontevedra que participaron no Campionato de España de Taekwondo a pasada fin de semana asistiron este martes a un acto organizado pola Deputación de Pontevedra no que se lles recoñeceron os éxitos acadados na competición. Cinco deportistas pontevedreses contribuíron ao medalleiro galego conseguindo dúas pratas e tres bronces.
O acto tivo lugar no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra coa participación de Gorka Gómez, deputado de Deportes, e Noelia Pérez, vicepresidenta da Federación Galega de Taekwondo.
Gómez enxalzou o labor da Federación, dos clubs, das familias e dos deportistas que co seu esforzo están a acadar todos estes éxitos e destacou que actos como o de hoxe buscan "visibilizar" desde a Administración provincial o relevante papel que están a ter os deportistas desta disciplina, "que non sempre ocupan o espazo mediático que merecen".
O deputado, en relación ao apoio económico que se cede dende a Administración, incidiu en que "os recursos públicos son finitos" e tamén asegurou que é consciente de que os clubes non teñen as infraestruturas necesarias para mellorar todo o que lles gustaría.
Pola súa banda, Noelia Pérez agradeceu o acto de recoñecemento e indicou que "xa botaba en falta unha reunión de taekwondistas". Agradeceu "que se vexa que somos unha gran potencia" e mencionou que o taekwondo "é unha das disciplinas con máis deportistas DepoDan e DepoPromesa na provincia, xunto aos deportes náuticos", que son as bolsas que ofrece a Deputación de Pontevedra. Respecto ás axudas públicas fixo fincapé en que "son moi importantes xa que no deporte de alta competición cada vez temos máis gastos".
Para finalizar o acto, o deputado agradeceu tamén a labor das empresas privadas vinculadas ao deporte.
Relacionadas:
-
Ouro e dobrete de prata no Open de España da man de Segio Troitiño, Arlet Ortiz e Sara Cortegoso para o taekwondo pontevedrés
Por Redacción |
-
Cinco medallas pontevedresas contribúen ao subcampionato de Galicia no nacional de taekwondo
Por Redacción |
-
Iván García e o seu club, o Mat's de Marín, premiados pola federación nacional de taekwondo
Por Redacción |