O Salgueiriños rende homenaxe ao seu fundador, Carlos Menéndez, polos seus sesenta anos de máxima dedicación
Por Redacción
O Liceo Casino de Pontevedra foi escenario o pasado sábado dunha homenaxe a unha das principais figuras do fútbol de base pontevedrés. Despois de sesenta anos de servizo, o fundador do Salgueiriños CF decidiu este ano dar un paso ao carón e a nova directiva decidiu, aproveitando o sesenta aniversario do club, reunir á ampla familia do histórico club pontevedrés para render un merecido tributo a Carlos Menéndez Ogando.
No acto estiveron presentes persoas relacionadas con diversas institucións políticas, sociais e deportivas da cidade, como o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Jose Manuel Fernández. O dirixente, acompañado polo novo presidente da entidade e exxogador do Pontevedra, Óscar Guimeráns, fixo entrega dunha placa conmemorativa ao histórico expresidente do Salgueiriños.
A homenaxe a Menéndez é un dos principais actos previstos no programa de celebración do sesenta aniversario do club. Desde a nova directiva teñen planeada a edición dunha revista conmemorativa sobre a historia do club, un campionato de categoría benjamín que levará o nome de Carlos Menéndez, así como redobrar a aposta polo deporte de base coa creación dunha sección de equipos femininos.
Relacionadas:
-
Un torneo de fútbol benxamín homenaxea a figura de Carlos Ménéndez
Por Redacción |
-
O Salgueiriños estrea equipos femininos para a nova tempada
Por Redacción |
-
Homenaxe a Menéndez, torneo de benxamíns e creación dunha base feminina, entre os plans do Salgueiriños para celebrar os seus 60 anos de historia
Por Manu Otero |