O CW Pontevedra prolonga o seu bo momento coa terceira vitoria consecutiva
Por Redacción
Terceira vitoria consecutiva do Club Waterpolo Pontevedra, que esta fin de semana derrotou a domicilio ao Mallorca por un contundente 6 a 11 no marcador.
Asentado nunha plácida cuarta posición do grupo A de a Primeira División Feminina, a segunda máxima categoría estatal deste deporte; o equipo pontevedrés comezou adiantándose no marcador para ver como logo remontaban as locais. Pero antes de terminar o segundo cuarto, as lerezanas lograron voltear novamente o marcador para certificar o triunfo na segunda parte do encontro.
O segundo cuarto comezou con 1-2 no marcador favorable ás visitantes, pero o Mallorca logrou empatar pronto e logo darlle a volta ao marcador. A pouco máis de dous minutos para o bocinazo final, un dobrete de Andrea Andión volvía poñer ás pontevedresas por diante. E a falta de 15 segundos, un tanto de Valentina Restrepo ampliaba a vantaxe para encarar a segunda parte do duelo con maior tranquilidade.
Recortaron distancias as locais ao comezo do terceiro cuarto, pero o CW Pontevedra apertou novamente o acelerador para conseguir tres tantos e situar o marcador nun 4-8 co que se pecharía o penúltimo período.
No último cuarto, as visitantes foron capaces de administrar a súa vantaxe sen apuros para anotarse unha cómoda vitoria e ampliar a súa serie triunfal ata os tres partidos e colocarse a só catro puntos do líder do grupo.
Relacionadas:
-
Nova vitoria do Waterpolo Pontevedra superando o Leioa na quenda de penaltis (15-13)
Por Redacción |
-
O CW Pontevedra busca un cuarto triunfo consecutivo que encarrile a permanencia en Primeira Nacional
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra 'afoga' o colíder Horta na quenda de penaltis (13-11)
Por Redacción |
-
Vitoria en Alcorcón como inicio de ano para o Waterpolo Pontevedra (7-10)
Por Redacción |