O Cisne pecha o Torneo Invernal de Balonmán cun empate co Torrelavega (26-26)
Por Redacción
Empate entre Club Cisne Balonmán e Bathco BM Torrelavega no último test deste parón invernal antes do reinicio da liga Asobal a próxima fin de semana.
O partido comezou co cadro local endosando un parcial de 2-0 apoiado en Popovic e Casanova, pero Furtado, o recentemente chegado Dedu e o Álex Chan, xunto con varias paradas de Kilian Ramírez, permitíronlle aos brancos dar a volta ao marcador e colocar o 5-6.
As defensas eran protagonistas, en especial a do Torrelavega que, apoiado en dous goles consecutivos de Casanova, facía o 9-7 que obrigaba a Márquez a parar o tempo aínda que sen dar coa tecla para mellorar a situación, xa que Colunga ampliou a renda en tres goles.
Espertou o Cisne a partir de aí cun tanto de Ocaña, que deu paso aos mellores instantes dun Cisne que conseguía a súa maior vantaxe ata o momento (+4) apoiada nunha boa defensa e a efectividade nos lanzamentos de Chan e Mateo Arias.
Os pontevedreses gustábanse e mesmo chegaron a colocar un parcial de 0-6 no electrónico que, tras varios intentos, o Torrelavega logrou reducir as distancias, pero nos últimos instantes do primeiro tempo unha exclusión de Borja Lombilla condenou aos locais que recibiron dous goles a portería baleira (12-16), pero no último mituto, coa volta de Lombilla á cancha, reduciron distancias e mandaron o partido ao descanso cun resultado de 14-17.
Tras o paso polos vestiarios os goles do Cisne custaba máis que chegasen, mentres o cadro local acertaba e reducía aos poucos as distancias, aínda que sempre indo a remolque.
O protagonismo dos gardametas chegou co 20-22, ata que pasado o minuto 48 Czapliski reduciu as distancias nun gol e animaba aos seus. Puxéronse os visitantes de novo cunha renda de tres goles, pero pronto Ramos e Colunga reaccionaron para poñer o 23-24.
Alcanzáronse así os instantes de maior igualdade e nos que calquera puido gañar. Os pontevedreses atoparon a Álvarez para facer o 26-26 e tiveron no último minuto o gol da vitoria, pero os colexiados pitaron pasivos e cederon a última posesión para o Torrelavega, que concluíu nun golpe franco de Dani Ramos que se foi alto.
Con este resultado, o Cisne conclúe este Torneo Invernal cunha vitoria e un empate importantes á hora de afrontar con ganas e seguridade o regreso da liga Asobal o vindeiro sábado. Os brancos enfrontaranse no Pavillón Municipal ao Anaitasuna a partir das 17:00 horas. O partido poderá verse a través da TVG e de LaLigaSports TV.
Relacionadas:
-
"A permanencia está na túa man", lema da campaña de socios do Cisne para a segunda volta
Por Manu Otero |
-
O Cisne supera o Nava no primeiro partido do I Torneo Invernal de Balonmán (23-25)
Por Redacción |
-
Posta de longo de Calin Dedu e Dani Serrano como xogadores do Cisne: "É un gran reto"
Por Diego Espiño |
-
Os cisneístas Chan e Furtado despídense do mundial cun MVP cada un
Por Manu Otero |
-
O Cisne finaliza en cuarta posición o II Torneo Internacional Cidade de Pontevedra
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O Atlético Novás supera o Cisne e leva o Memorial Luaces (22-24)
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O pivote Calin Dedu incorpórase ao Cisne cedido polo Dinamo de Bucarest
Por Oskar Viéitez |