O primeiro Memorial Fernando Malecho vaise para Portugal e Ourense
Por Redacción
Dous intensos días de waterpolo na piscina do CGTD de Pontevedra, con 16 partidos de alto nivel, 8 equipos (4 masculinos e 4 femininos) e máis de 100 deportistas, serviron como homenaxe a Fernando Malecho no primeiro memorial co seu nome.
O torneo amigable disputouse os días 28 e 29 de decembro, dando como gañadores ao CW Pavillón Ourense en categoría masculina e á Selección de Portugal sub-23 en categoría feminina tras xogar 4 partidos cada equipo.
CW Pontevedra, CW Pavillón Ourense, Selección de Portugal sub-23 e Claret Askartza Waterpolo (Euskadi) en categoría feminina e CW Pontevedra, CW Pavillón Ourense, Paredes Waterpolo (Portugal) e CN Povoense (Portugal) en categoría masculina deron un gran espectáculo na piscina pontevedresa.
En categoría masculina, o CW Pontevedra, cun equipo novo e varias baixas, aproveitou moi ben o torneo para adquirir experiencia e rodaxe para a liga, sobre todo cando levan moi poucos partidos esta tempada. Os do Lérez xogaron polo terceiro e cuarto posto fronte ao Paredes, gañando nos penaltis para lograr a terceira posición.
O CW Pavillón Ourense logó meterse na final, que conseguiu vencer nun intenso e emocionante partido fronte ao CN Povoense, levándose así o I Trofeo Memorial Fernando Malecho.
En canto á categoría feminina, as pontevedresas conseguiron meterse na final para xogala contra a selección sub-23 de Portugal, nun partido no que as portuguesas se mostraron superiores, levándose así o I Trofeo Memorial Fernando Malecho para Portugal.
Doutra banda, o día 29, o Club Waterpolo Pontevedra retomou unha das actividades tradicionais das festas do Nadal, como é o festival de waterpolo.
Os máis pequenos do club, desde prebenxamíns ata infantís, gozaron duns partidos e xogos na piscina do CGTD de Pontevedra. Durante unha hora e media puideron divertirse cos seus compañeiros xogando ante os seus familiares.
A continuación, foi a quenda das mamás e papás do club, que puideron comprobar o divertido e duro que é xogar a waterpolo. Case 30 nais e pais de deportistas do CW Pontevedra tiráronse á auga co gorro de waterpolo para disputar un partido fronte aos deportistas de categorías infantil cara abaixo, pasando un intre divertido.
Por último, para pechar a xornada, máis de 30 exxogadores, algúns aínda en activo, do CW Pontevedra xogaron uns partidos para lembrar vellos tempos e volver verse despois de moitos anos.