O Arxil faise co XXVI Trofeo Cidade de Pontevedra ao derrotar o Carmelitas de Ourense
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O CB Arxil e o Carmelitas de Ourense disputaron este martes a vixésimo sexta edición do trofeo Cidade de Pontevedra de baloncesto na cancha do CGTD nun encontro que se saldou con vitoria local por un contundente 96 a 42.
O primeiro cuarto do partido foi igualado e non foi ata o segundo acto cando as verdes, que apertaron en defensa, comezaron a poñer distancia no marcador cun ataque fluído e devastador tanto desde o perímetro como no interior.
Maite Méndez non puido contar para este clásico torneo coas lesionadas María Lago, Carla Fernández e Miriam García; nin coa ausente Carmen Ortiz. Para suplir estas baixas, a adestradora convocou a Lara, do filial; e á júnior Carla. Ambas compartiron minutos con Aldara Vázquez, Cristina Díaz Pache, Meniña Trajchevska, Andrea Glomazic, Heather Forster, Carolina Ribeiro, Margarita Moreira e Nerea Liste.
Na categoría cadete o Arxil impúxose ao Carmelitas por 50-40.
A entrega de trofeos estivo encabezada polo concelleiro de Deportes, Tino Fernandez.