Córdoba-Pontevedra, 15 anos despois dunha dolorosa eliminación
Por Diego Espiño
Moito choveu desde a última vez que o Pontevedra Club de Fútbol e Córdoba visen as caras en competición oficial. Foi na tempada 2006/2007, nunha fase de ascenso a Segunda División de ingrato recordo para os granates.
Con Javi Gracia no banco dos da Boa Vila, o club granate protagonizara unha tempada regular espectacular, campionando no grupo I da Segunda B con autoridade por diante de equipos como o Rayo Vallecano, Racing de Ferrol e Universidad de Las Palmas, que completarían os postos de play-off.
Yuri de Souza anotara 24 goles na liga, secundado polo seu irmán Igor e un Charles que é o único sobrevivente daquela época. Xunto a eles futbolistas da talla do canteirán Fran Rico, que empezaba a destacar no mundo do fútbol, o arxentino Víctor Ormazábal, o portugués Organista, o porteiro francés Bonis ou o nacional Rubén Reyes, entre outros.
Os granates eran a todas as luces uns dos grandes favoritos ao ascenso, pero no seu particular gafe nos sorteos a pesar de ser campión cruzábase no seu camiño o mastodóntico proxecto do Córdoba, que contra todo prognóstico caera á cuarta posición do seu grupo.
Era o 3 de xuño de 2007, e o Pontevedra visitaba o Estadio Arcángel de Córdoba. Importante presenza de seguidores pontevedreses nas bancadas e un partido de poder a poder que concluía con empate sen goles. Todo se decidiría en Pasarón na volta.
Nese partido, unha semana despois, todo púxose moi pronto de cara. O visitante Dani en propia meta e Víctor Ormazábal poñían un esperanzador 2-0 aos 16 minutos de xogo, pero cando o equipo adestrado por Javi Gracia vía preto a clasificación un dobrete de Asen antes do descanso daba a volta á eliminatoria, deixando na cuneta a aquel ambicioso Pontevedra. O Córdoba terminaría ascendendo superando na eliminatoria final o Huesca.
Agora, 15 anos despois o Pontevedra Club de Fútbol regresa ao Arcángel nunha situación moi diferente a aquela. Mentres o Córdoba aperece como líder do Grupo I na Primeira RFEF e camiña disparado cara ao ascenso, os granates pelexan por escapar dos postos de descenso tras un complicado inicio de liga.
En toda a historia, ambos os dous equipos coincidiron 10 tempadas, a maioría en Primeira e Segunda División pero tamén na categoría de bronce na 86-87, cun balance de 7 triunfos granates, 6 empates e 7 derrotas.
Curiosamente desde o cambio de século só protagonizaron catro enfrontamentos, no citado play-off de ascenso e outra a campaña 04-05 na Segunda División, acabando os catro encontros en empate. De feito as dúas últimas visitas a Córdoba saldáronse con empate sen goles.
Puntuar nesta ocasión será o obxectivo dun necesitado Pontevedra de Antonio Fernández, que ata hai pouco non coñecía o triunfo a domicilio. Sumou a primeira en Ceuta e buscará este mércores a segunda nun estadio no que o conxunto andaluz suma 6 vitoria e 1 derrota, fronte ao San Sebastián de los Reyes.