Buba abandona o Pontevedra ante a falta de oportunidades e os problemas económicos
Por Ramiro Espiño
Apenas uns minutos antes de que dese comezo o partido fronte ao Boiro, o gabinete de comunicación do Pontevedra emitía unha nota na que anunciaba a baixa do dianteiro Buba, que esta tempada viña actuando preferentemente no equipo da división de honra xuvenil.
O futbolista de orixe guineana, que leva coa actual tres tempadas no club granate solicitou a baixa, ante a falta de oportunidades para xogar tanto co filial coma co primeiro equipo, xa que non entraba nos plans de Manu Fernández nin de Blas Charlín, malia a súa presenza habitual nos adestramentos do primeiro equipo.
Ademais, as dificultades económicas que segue atravesando a entidade granate, con atrasos nos pagamentos, forzaron igualmente a decisión do xogador de querer abandonar o club, chegando a un acordo polo cal o Pontevedra se garante unha posible compensación sobre a progresión deportiva que poida ter Buba no futuro.
Recordemos que Buba xa estivo a punto de marchar do Pontevedra antes do comezo da actual tempada, aínda que finalmente optou por intentar encontrar un oco no equipo, se ben apenas dispuxo de oportunidades, actuando no partido de Copa Federación, fronte ao Compostela, no que logrou dous goles, e nun só partido de liga, ante o Laracha, mentres que o ano pasado chegara a participar en dez partidos co primeiro equipo.