O ITF de Sanxenxo quenta motores lembrando o paso polas pistas da Cultural de Carlos Alcaraz ou Casper Ruud
Por Redacción
O torneo Internacional de Tenis ITF Júnior e Cadete que se celebra cada ano nas instalacións deportivas do Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo celebrarase este ano a partir do vindeiro 18 de outubro. A viséxima edición do campionato júnior e a décimo cuarta do cadete foron presentadas este venres no hotel Carlos I Silgar coa presenza da extenista profesional Arantxa Sánchez Vicario, acompañada por representantes da Xunta, Deputación e Concello.
O secretario xeral para o Deporte, Xose Ramón Lete Lasa, destacou o papel da gañadora de catro Grand Slams como pioneira e inspiradora de moitos dos que viñeron detrás, como foi o caso da pontevedresa Lourdes Domínguez, que en 1999 converteuse na primeira española en gañar Roland Garros Júnior, “un fito que hoxe segue a ser unha das maiores xestas do tenis galego”.
O dirixente sinalou que dende aquela, o tenis galego seguiu a medrar e, nese sentido, subliñou a importancia do vigués Martín de la Puente, “o mellor tenista español en cadeira de rodas que vén de acadar o seu primeiro Grand Slam, nos dobres en cadeira do US Open”.
Precisamente, moitos dos gañadores e finalistas dese US Open -os españois Carlos Alcaraz (campión sénior) e Martín Landaluce (campión júnior), o noruegués Casper Rudd (finalista sénior), o belga Guilles Bailly (finalista belga) ou a filipina Alexandra Eala (campioa júnior)- participaron anteriormente nos torneos de Sanxenxo. Esta, dixo, “é unha mostra do excepcional traballo que realiza Galicia e este torneo de máis de 20 anos de historia co deporte de base”.
Por último, Lete Lasa lembrou que o Torneo Júnior ITF de Sanxenxo leva anos sendo un Proxecto de Especial Relevancia no convenio de colaboración que asina a Secretaría Xeral para o Deporte coa Federación Galega de Tenis. Un convenio que neste 2022 ascendeu un 3 % ata preto dos 110.000 euros.