Perdoa o Pontellas ao Xuventú Sanxenxo que vence (2-1) e sitúase de líder provisional
Por Ramiro Espiño
Aínda debe estar a preguntarse o Pontellas como lles puido escapar a vitoria en Baltar de Arriba. Despois de dominar toda a primeira parte a un Xuventú Sanxenxo gris e descoñecido, viron como o conxunto amarelo, que non conseguira crear perigo ata o minuto 69, facía gol no seu primeiro remate entre os tres paus.
O técnico local, ÿscar García, quixo sorprender cun estraño posicionamento táctico do seu equipo, pechando en defensa con só tres homes para incorporar ao central Deivi ao centro do campo. Pero o experimento saíulle mal. O Pontellas soubo ler mellor o partido e aproveitando as bandas, ás que non conseguían chegar para tapar nin Darío nin Fon, levaba o peso do partido e daba máis sensación de perigo que un Sanxenxo que tiña demasiado illado arriba a Diego Blanco.
Aínda así as ocasións de gol escaseaban, pero sempre chegaban de parte dos visitantes. Intentouno primeiro Caco, cun disparo dende a frontal, pero sería Chus, o home máis perigoso do Pontellas, quen tivera a mellor ocasión, despois de levarse un balón, en posible falta sobre Tinaia, pero o seu remate no man a man con Jose, sacouno o porteiro local co pé.
Era o minuto 36 de partido, e un antes do descanso unha nova oportunidade para os azulgrana, con remate de cabeza de Caco, a centro de Álex, que se foi ao longueiro.
O técnico local rectificou no descanso, pasando a Tinaia ao lateral esquerdo, e recuperando a defensa de catro, con Fon acompañando a Deivi na posición de centrais. E os locais melloraron. Ocupando mellor os espazos fixéronse co control do partido, aínda que seguían carecendo de chegada. Ata que entrou no campo Hugo, que exercería de revulsivo, encarando sempre o seu par e desbordando pola banda dereita.
Aínda así, o Pontellas, agora ao contragolpe, volveu ter a ocasión de adiantarse no marcador. Corría o minuto 68 cando un disparo de Diego, dende a frontal se estrela no poste da meta local. Perdoaran os porriñeses, e apenas un minuto máis tarde marcaba o Sanxenxo. Sería cunha xogada entre irmáns. O centro púxoo Hugo, e o remate o seu irmán maior, Cuchi, chegando dende atrás, co interior da bota dereita.
O Pontellas acusou o gol, e Nel puido marcar catro minutos máis tarde, tras unha falta lateral botada por Tinaia, que o dianteiro rematou de cabeza no segundo pau, con pouco ángulo, mandando o balón ao poste.
Pero o segundo gol local chegaría pouco despois, no minuto 79, grazas a un centro-chut de Rober, dende a banda, que se lle escapa ao porteiro Iván, nun grave fallo, coándose no interior do portal visitante.
O partido parecía sentenciado, pero un minuto máis tarde o Pontellas reduce diferenzas, nun fallo de marcaxe da zaga amarela, que aproveita Ferreiro, nun bo movemento dentro da área, para bater a Jose.
Tocaba sufrir, e fíxoo o Sanxenxo, repregándose para defender a renda con algunha angustia, pero conseguindo sumar os tres puntos que lle serven para erguerse provisionalmente ao liderado, á espera do que faga o Ribadumia o domingo.
XUVENTÿ SANXENXO (2): Jose; Darío, Deivi, Tinaia, Fon; Minso (Hugo, min. 57), Cañi (Jorge, min. 89), Cuchi (Róber, min. 76), Cerqueiras; Nel e Diego Blanco (Fernando Aguín, min. 71).
C.D. PONTELLAS (1): Iván; Adrián, Barro (Rubén, min. 84), Avendaño, Lucas; Chuvi, Diego (Ferreiro, min. 75); Álex (Javi, min. 74), Comis, Caco (José, min. 82); e Chus.
Árbitro: Ferrol Muñiz (Santiago), auxiliado nas bandas por Figueira Lago e Buján Vidal. Amoestou a Fon, polo conxunto local, e a Diego, Álex e Comis, polos visitantes.
Goles: (1-0) Minuto 69: Cuchi. (2-0) Minuto 79: Róber. (2-1) Minuto 80: Ferreiro.
Incidencias: Campo Municipal de Baltar de Arriba (Sanxenxo). Uns 150 espectadores.