Os catro intocables de Antonio Fernández
Por Diego Espiño
Transcorreron sete xornadas de liga na Primeira RFEF e cada vez máis Antonio Fernández busca na profundidade do seu plantel no Pontevedra para tentar lograr uns resultados que se están resistindo a pesar da boa imaxe do equipo.
Coa estrea en Linares de Luís Martínez e Álex Masogo, o primeiro titular e no campo ata o descanso e o segundo con 13 minutos sobre o verde, reducíronse só a tres os futbolistas que seguen sen debutar, sendo só un deles de campo. Trátase dos porteiros Viktor Nikolov e Pablo Cacharrón, este último aínda sen entrar nunha convocatoria tras a súa lesión de menisco, xunto ao atacante Martín Diz.
O arousán estivo convocado en seis das sete xornadas de liga, pero non chegou a saltar ao campo. Tampouco o fixeron os canteiráns Sergio Abal e Manu Vizoso, pero no seu caso con ficha do filial, con quen si foron xogando en Preferente.
No bando contrario destacan catro 'intocables' para o técnico, catro futbolistas que o xogaron absolutamente todo, con 630 minutos máis os perceptivos tempos de desconto. Trátase do gardameta Álvaro Cortés e tres defensores, o lateral Ángel Bastos e os centrais David Soto e Churre.
De preto séguelles o capitán Álex González con 619 minutos e 6 partidos completos, sendo substituído só nunha ocasión. Ninguén máis supera os 600 minutos de xogo, aínda que preto quedan os outros dous xogadores que foron titulares as sete xornadas disputadas, Yelko Pino (573 minutos) e Miguel Román (544).
A partir de aí prodúcese xa un salto, sendo os seguintes na lista Brais Abelenda (466) e Charles (377) con cinco titularidades cada un e Oier Calvillo (347) con catro presencias no once inicial.
O resto de compañeiros non superan a barreira dos 300 minutos, con casos como os de Rufo (276) e Guèye (145) que destacan por ter participado en todos os encontros esta tempada, mentres que acumulan seis presencias homes como Rubio (299), Jon Bakero (235) e Mario Ortiz (119). Pola súa banda Samu Araújo foi titular sempre que estivo dispoñible (196 minutos en tres partidos), pero as lesións apartáronlle do once.