Ao Pontevedra só lle serve gañar a un Negreira en alza
Por Ramiro Espiño
Tres puntos en xogo para non deixar escapar o tren de cabeza, especialmente antes de afrontar a dura "etapa de montaña" que representan os seguintes compromisos fronte a dous dos rivais da zona alta da táboa, como ÿrdenes a domicilio, e Boiro en Pasarón. O Pontevedra recibe a visita do Negreira (domingo, 17:00 horas), coa vitoria como único resultado válido para as aspiracións dos de Manu Fernández.
Pero que ninguén pense que será un rival doado para os granates. A pesar da súa mala clasificación ocupando postos de descenso, do equipo que adestra Víctor Santos chaman a atención os seus números a domicilio, que reflicten a dificultade para derrotalos.
Certo é que só conseguiu catro puntos nos seus sete partidos como visitante, froito dun empate contra o Areas, e unha vitoria na súa saída máis recente no campo do Deportivo B. Pero o máis rechamante é que os restantes cinco partidos, se ben finalizaron con derrota, todos foron polo mesmo resultado, un mínimo 1-0, o que fala claramente de que é un equipo que non dá precisamente facilidades en defensa, despois de encaixar unicamente cinco goles en sete partidos lonxe do seu feudo.
O partido será dirixido polo colexiado lucense Javier Pérez Prado.
Ante o inmediato inicio das obras de remodelación de Príncipe Felipe, o adestrador granate tivo que cambiar de plan de traballo, realizando o último adestramento previo ao partido na tarde do venres, en Pasarón.
Confirmados as baixas de Fran Fandiño e Benja, que continúan co seu proceso de recuperación, ademais de Tubo, que non regresará ata xaneiro, e de Javi Otero, de novo con problemas musculares ao sufrir unha pequena rotura de fibras nos isquiotibiales, o técnico ten por fin á súa disposición a Pablo Lede, que se incorpora ao grupo.
Pero como non hai semana sen problemas de lesións, tras a sufrida por Javi Otero o luns, o susto deuno Santi Domínguez, que se retirou antes de finalizar o ensaio ao notar molestias musculares, aínda que se espera estea recuperado para o domingo.
Esta situación, xunto á volta de Candela unha vez cumprida a súa sanción por acumulación de amoestacións, levou a Manu Fernández a convocar aos 17 xogadores dispoñibles do primeiro equipo, deixando que Kevin Levis e Kevin Presas volvan ao filial, que xoga o sábado (16:00 horas) na Xunqueira, fronte ao Mondariz.
Deste modo, o técnico citou a: Edu, Paco, Adrián, David Feito, Caco, Miguel, Pablo, Yago Vázquez, Candela, Moreira, David García, Pablo Lede, David Pérez, Richi, Luismi, Pablo Carnero e Santi Domínguez. Deles deberá efectuar un descarte o domingo antes do partido.