Escasa asistencia e poucas conclusións na reunión do consello cos abonados do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Case dúas horas de duración, pouco máis de 60 asistentes e poucas conclusións claras que permitan saber a situación real do club, foi o resultado da reunión mantida no Pazo da Cultura por membros do consello de administración do Pontevedra, co seu presidente José Manuel Fernández á cabeza, cos abonados da entidade granate.
Na mesa sentábanse, xunto ao presidente, o secretario Luis Durán, e o conselleiro José Antonio Millán. Non compareceron os dous membros restantes que actualmente integran o consello, Ricardo Tilve e Lupe Murillo.
Para comezar José Manuel Fernández fixo unha longa exposición de motivos, agradecendo aos presentes a súa asistencia, e comprometendo novas reunións deste tipo, polo menos en tanto el permaneza no cargo, a xeito de exercicio permanente de transparencia e proximidade cos que cualificou como os "verdaderos dueños del club", os seus socios, independentemente de que os propietarios sexan os accionistas.
Fernández quixo deixar ben claro que non ten apego á cadeira de brazos presidencial: "Estoy aquí porque he querido. No me obliga nadie. No escondo mi responsabilidad en la gestión, ni siquiera en el apartado económico del que soy corresponsable. Lo cierto es que cuando entramos el club estaba en segunda división B y ahora estamos en tercera. En este momento no me siento orgulloso de la imagen que tiene el Pontevedra por Galicia adelante", foron algunhas das súas palabras.
Seguidamente indicou que daría datos dos catro meses que leva como presidente, ofrecéndose a responder ás preguntas que lle fosen efectuadas. De entre eses datos destaca a cifra real de socios con que conta agora mesmo o club, que se eleva a 1.671 abonados, así como que, aínda non tendo os datos finais da auditoría sobre as contas do club, o avance de que dispón presentaría un balance patrimonial positivo.
Non obstante, os datos achegados seguidamente, falan de dificultades como recoñeceu el mesmo, especialmente de liquidez para afrontar pagamentos inmediatos, así como para facer fronte ao resto da tempada, como consecuencia de ter tido que atender pagamentos pendentes da tempada anterior con recursos da actual.
Así as cifras feitas públicas con respecto aos catro meses da tempada actual, reflicten uns ingresos de 193.249 euros, por uns pagamentos de 190.560 euros. Destes últimos, 119.034 euros son pagamentos correspondentes a débedas da tempada anterior que non se fixeran efectivas.
Igualmente informou da existencia doutras débedas anteriores pendentes de pagamento por importe aproximado duns 150.000 euros, correspondentes a pagamentos a Transportes La Unión (33.000 euros), a firma de avogados Garrigues (43.000 euros), Facenda (20.000 euros), persoal non deportivo (40.000 euros) e persoal deportivo (25.000 euros), como cantidades máis significativas.
Para rematar a súa exposición informou que a débeda total do club tras a saída do proceso concursal se eleva a uns 800.000 euros, dos cales 430.000 euros corresponden a débeda coa Axencia Tributaria, coa que se está a intentar negociar un acordo de aprazamento de pagamento, que ademais permita liberar cantidades que hai pendentes de cobramento por parte de organismos e entidades públicas.
Tamén adiantou que o borrador de presuposto para a tempada actual, que será sometido a aprobación da próxima xunta xeral de accionistas, terá uns ingresos estimados de 633.000 euros, por uns gastos de 608.704 euros.
A continuación entrouse nunha longa quenda de preguntas por parte dalgúns dos asistentes, que se interesaron por diversos aspectos como os ingresos por patrocinadores do equipo, tanto do filial coma da base, as cantidades que aboan por eses conceptos firmas como Mafari, Pescamar ou Novagalicia Banco, a situación deportiva de Iago Paz ou o custo do soldo do director deportivo, Milo Abelleira, do que Fernández informou elevábase a 2.000 euros brutos mensuais, e outras cuestións varias.
Por último, varios socios agradeceron tamén ao consello a celebración deste tipo de reunións, valorando positivamente a súa proximidade ao afeccionado da pé.