Acordo entre Xunta e Federación para retomar a actividade no fútbol base
Por Diego Espiño
A suspensión da actividade no fútbol base galego, dende a categoría prebenxamín ata a cadete, anunciada este domingo pola Federación Galega de Fútbol (FGF) apenas durou unhas horas tras o acordo entre a propia Federación e a Secretaría Xeral para o Deporte.
A FGF denunciara a exclusión do fútbol da prórroga do seguro do Programa Xogade, financiado pola Xunta de Galicia, o que deixaba sen cobertura médica aos xogadores destas categorías.
Por este motivo, por precaución, procedérase a paralizar a competición e adestramentos de todos os equipos da Comunidade, o que afectaba a preto de 30.000 nenos en toda Galicia e a aproximadamente 6.500 só na delegación de Pontevedra.
Secretaría Xeral para o Deporte e Federación Galega reuníronse de urxencia na mañá deste luns para abordar o asunto, tras o que anunciaron "un acordo de continuidade da modalidade do fútbol no programa Xogade" polo que proceden a levantar a suspensión preventiva.
Este acordo leva consigo un cambio na compañía aseguradora, que pasará a ser agora Zürich en substitución da anterior, Mapfre.