Félix Cao, de bolseiro en Pasarón a campión co Betis: "O Pontevedra é o meu club de nacemento, oxalá poidan ascender"
Por Manu Otero
Félix Fernández Cao (Ourense, 1983) atende a PontevedraViva poucas horas despois de levantar co Real Betis, equipo no que desempeña a función de preparador físico, o título da Copa do Rei despois de 17 anos de seca. Un logro que lle chega despois de comezar a súa carreira profesional en Pasarón, onde viviu un playoff de ascenso e a dolorosa caída a Terceira.
Estivo un tempo apartado do fútbol para dirixir despois o Ribadumia en Terceira e logo atreverse a facer as maletas para enrolarse nun equipo da segunda liga de China. No afastado Oriente coñeceu a Manuel Pellegrini, en cuxo staff leva xa catro anos que o levaron de Asia, á Premier e, agora, ao éxito en Sevilla.
O primeiro de todo, moitas felicidades polo triunfo na Copa do Rei. Aínda seguen de celebración?
Hoxe (martes) xa estivemos a adestrar e recuperando a normalidade. Non sei como o vivirán noutros lados, pero aquí foi unha tolemia. Ao facer a final en Sevilla, non é que sexamos locais porque o estadio da Cartuxa é un estadio estraño, pero había unha enorme cantidade de xente. O Villamarín e a Cartuxa estaban cheos e o desprazamento foi unha tolemia.
Sería tamén unha semana moi especial.
Todo o que teña que ver coa celebración dunha final, dá igual o título que sexa, sempre é algo extraordinario. Aínda por encima súmaslle que o club levaba uns anos intentanto estar aí arriba e optar a este tipo de cousas. Facía 17 anos que non se gañaba unha Copa do Rei. A verdade que a expectativa e todo o que se xerou foi unha tolemia. Foi un pouquiño raro o feito de que tivemos xornada de liga o martes e non nos centramos só na final ata o mércores. Creo que nos beneficiou porque nos permitiu non chegar tan tensionados ao partido.
Como se prepara unha final así desde o punto vista físico?
Os aspectos máis diferenciais con respecto a un partido habitual teñen que ver máis co mental, coa preparación, co control da ansiedade ou con deixar os obxectivos claros a nivel técnico tácticos. Hai que centrarse máis no control das emocións ou da situación que se poida dar no partido e os matices relacionados co plantexamento máis que cunha cuestión física. Máxime cando xogamos o martes, aínda que houbo rotacións, a maioría dos xogadores veñen participando todo o ano con fluidez. Non hai que facer nada diferente
Non hai demasiado tempo para a relaxación e os festexos porque a tempada continúa e tedes a Champions League a tiro.
O adestrador recalcou desde o primeiro día ter esa mentalidade de loitar por gañar todos os partidos, por estar vivos en todas as competicións, fixo partícipes a todos os xogadores nas tres competicións. Ao final iso xérache confianza e faiche ver que formas parte do proxecto ao estar enchufado nel. A pesar de que se gañou un título e logrouse a clasificación para a Europa League o próximo ano, si que é certo que durante un tramo longo da tempada estivemos en postos Champions. Non é o noso obxectivo, pero si quizais pola situación dos equipos que deberían estar aí e o bo rendemento do equipo déusenos esa oportunidade e, mentres as matemáticas nos deixen, a idea é tentar pelexar por lograr algo que sería histórico.
Ten ás súas ordes a xogadores cun físico privilexiado. Fekir, William Carvalho, Héctor Bellerín... sorprendeulle algún en especial?
As categorías existen e están para algo, pero a nivel condicional non é tan significativo. Quizá o é máis a nivel de calidade técnica ou á hora da toma de decisións ou de interpretar o xogo. Falamos de xogadores a nivel top. Eses xogadores danche un plus a nivel de adestramentos e prestacións para o equipo. Os xogadores, nos últimos anos, están moito máis mentalizados de que o seu corpo é a súa ferramenta de traballo. Están moi ben preparados, son moi profesionais e traballan moi ben tanto nas sesións, como no adestramento invisible, o traballo previo ao adestramento enfocado a cuestións individuais... Xa teñen unha serie de rutinas que lles permite estar a nivel óptimo para a competición.
Un exemplo diso que comenta é Joaquín, con corenta anos segue ao máximo nivel e anuncia que continuará un ano máis, cal é o secreto da súa eterna mocidade?
Témolo falado moito. No seu caso é un xogador que leva a un nivel top moitos anos en grandes equipos. Cunhas características moi determinadas. É certo que non tivo lesións importantes e iso valeulle para estar sempre competindo en boas condicións. Despois é un xogador que se conserva moi ben a nivel físico, cando chegas a ese nivel e xogaches tantos partidos en alta competición é porque hai un traballo detrás. Ademais, a calidade que el ten, permítelle adaptarse máis facilmente agora que non ten esas condicións tan explosivas que tiña hai uns anos. Soubo adaptarse a outras posicións e manexa outros rexistros.
Vostede é de Ourense, pero estudou en Pontevedra e a súa primeira experiencia profesional foi en Pasarón.
Formeime en Pontevedra, estudei a carreira de Maxisterio, Educación Física e Ciencias da Actividade Física e o Deporte. Logo fixen un máster e metinme no grupo de investigación. A primeira oportunidade deuma a xente do grupo, que fixo unha especie de colaboración co Pontevedra CF nun proxecto novo e atípico naquel momento. Formei parte do corpo técnico de Roberto Aguirre, primeiro, e logo con Pablo Alfaro naquel equipo que xogamos a fase de ascenso na que nos elimina o Alcorcón. Acabaramos o ano moi ben gañando ao Alavés, metémonos en playoff, eliminamos ao Oviedo e logo elimínanos o Alcorcón. Eu aí desempeñaba o rol de recuperador do primeiro equipo e tamén traballaba en categorías inferiores.
Cita o partido co Alcorcón, agora coincide a miúdo co árbitro Figueroa Vázquez, lembroulle algunha vez aquel episodio?
Eu sei o que vivimos naquel momento e como foi a situación, pero agora as cousas no mundo da arbitraxe cambiaron. Co VAR, os erros máis grosos vanse evitando, aínda que non estamos exentos de polémicas. Naquel momento pensamos que nos influía no devir do partido, pero sempre son moitos factores os que inflúen en que non se produza ese ascenso que todos desexabamos.
En que consistía o traballo dese grupo de investigación no Pontevedra?
Era un proxecto de investigación e desenvolvemento que encabezaban Carlos Lago e Luís Casais, que era adestrador do filial de Terceira División. No primeiro equipo estaba de segundo adestrador Miguel Alonso, actualmente no Valencia CF, Borja Ropero de preparador físico e eu de recuperador. Nós poñiamos a parte máis de asistencia nos diferentes departamentos, no meu caso coa prevención e recuperación de lesións; e no caso deles máis enfocado á parte técnico táctica co primeiro adestrador. O traballo estaba baseado na formación que nós tiñamos. Foi novo porque o normal era que un técnico veña coa súa xente de confianza. Logo continuamos con Pablo Alfaro, co que Miguel Alonso seguiu traballando moitos anos noutras experiencias.
Era un proxecto a tres anos vista, pero co que sucedeu na seguinte tempada rompeuse a colaboración e optaron por outra vía máis común, na que o adestrador viña coa súa xente e non se puido levar a cabo esa colaboración.
O proxecto habería que analizalo desde moitas perspectivas, o filial mantívose en Terceira, o xuvenil ascendeu e todos os adestradores e asistentes da base eran titulados. Era un proxecto enfocado en diferentes campos, centrado no desenvolvemento dos mozos e na progesión dos equipos. Era un traballo máis a medio ou longo prazo. Ás veces no fútbol, as expectativas acábanse convertendo en cortoplacistas. Neste caso non polos resultados, porque foron bos, senón por unha toma de decisións dos directivos daquel momento que rompeu o proxecto.
Marcou moito o devir o que sucedeu co primeiro persoal. Ao ano seguinte do Alcorcón pasan polo Pontevedra, que acaba descendendo a Terceira División, preto de 36 xogadores e tres técnicos.
Vostede continuou no ano do descenso?
Miguel Alonso vaise con Pablo Alfaro a Huelva e tanto Ropero como eu estaba previsto que nos fósemos tamén con el, pero ao final non puido ser. Borja Ropero vaise a outro sector e eu quédome un ano máis porque Alberto Domínguez, que era médico do club, pídemo e estou un ano máis ata que pasa todo isto que acabamos de falar.
Despois de como acabou esa experiencia, non sei se segue actualmente ao Pontevedra
Si, ao final foron quince anos en Pontevedra e para min é como un punto de inflexión. Para min foi a primeira vez que tiven a experiencia de traballar no fútbol profesional, foi un ano espectacular. Aínda manteño relación con eles, de feito antes da final estiven con Pablo Alfaro, Borja Ropero e Miguel Alonso. Conservamos tamén moita amizade con xogadores daquela tempada porque era un grupo espectacular, como unha familia, e moitos pasaron a ser agora amigos, por exemplo Pepe Aicart ou Charles, cos que temos moita relación. Para min o Pontevedra é como o meu club de nacemento, téñolle moito agarimo. Sei que este ano o están facendo espectacular e oxalá poidan ascender e estar nunha categoría máis alta, que é o que corresponde máis co nivel do Pontevedra.
Vostede como preparador físico estará afeito escoitar que as malas series de resultados dos equipos relaciónanse cun aumento do traballo físico nos adestramentos. Hai algo de certo niso ou é outro dos tópicos do fútbol?
Eu creo que é máis o segundo. En fútbol é moi difícil separar o físico, do técnico ou do táctico. Póñoche un exemplo, aquí no Betis, tras unha fase de moi bos resultados e moi bos partidos, achacóusenos que o equipo estaba mal fisicamente, que chegaba moi xusto e que por iso perdemos na mesma semana tres partidos que eran moi importantes: Bayer Leverkusen, Atlético de Madrid e Sevilla. É certo que nese momento só o Liverpool en Europa xogara máis que nós, que xogabamos cada tres días. Houbo unha fase de nove semanas nas que non tivemos un só día de descanso. Hai un factor, que é o cansazo, que afecta. E tamén a nivel mental. Nós xogabamos o xoves fóra de casa ás nove da noite a Europa League, non volviamos ata o venres e logo tiñamos que competir o domingo tras outra viaxe o sábado. Os xogadores non son máquinas e o notan.
Pero hoxe en día está todo moi controlado, fixámonos nos valores que nos transmiten os programas, neste caso Media Coach que é o que colabora coa liga, e resulta que nesa fase da tempada foi na que máis distancias a alta intensidade ou máis ditancia total cubriamos nos partidos.
Moitas veces tiramos dese tópico, pero nin cando gañamos a parcela física ou técnico tactica é a mellor, nin cando perdemos é culpa só dun caso.
Retomando a súa carreira, deixa o Pontevedra e vaise ao Hospital Miguel Domínguez. Pensou abandonar o fútbol?
Non, pero son circunstancias da vida. Foi un mal ano en Pontevedra e, aínda que teñas as formación e capacidade, os proxectos que che van xurdindo lévanche a tomar diferentes decisións. Este era un proxecto moi bonito que montou Alberto co centro de rehabilitación e a unidade do deporte no Hospital Domínguez, a min gustábame moito o tema das lesións, propúxome coordinalo e funme a iso. Si que é certo que ao segundo ano xa me picou o gusanillo e compaxinábao coas categorías inferiores do Celta e o tecer ano, co Ribadumia. Logo voume a China e é onde coñezo a Manuel Pellegrini, nunca sabes onde vaiche a levar un camiño ou outro.
Vaiamos por partes, Ribadumia foi a súa única experiencia como primeiro adestrador?
Eu diría que anecdótica porque tiña a formación de adestrador só porque me gusta entender o idioma da xente con que traballo. Cando o adestrador abandona o club por diferenzas coa directiva e porque xa se conseguiu o obxectivo o primeiro ano en Terceira División. Pero o club, como quedaban tres ou catro xornadas, pídeme que lles bote unha man e acepto coa sorte de que nos van ben as cousas esas catro ou cinco xornadas e clasificámonos para Cópaa Federación.
Ao club gústalle como o fixemos ese último mes e propóñenme ser o técnico da tempada seguinte. Pero, á vez, recibo esa oferta de irme ao fútbol profesional aínda que fose nun país exótico. Ao final eles permítenme irme alí e libéranme do compromiso que adquirira.
É así como vaise a China e coñece a Pellegrini?
Eu voume só a substituír ao que era o meu mentor, Luís Casias, que estaba a traballar alí cun equipo de Segunda División. Por temas persoais decide acabar a súa aventura alí e proponme a min. Estou a segunda volta con este equipo, o Wuhan Zall, e ao ano seguinte vou co que ao cabo sería o seleccionador chinés, Li Tie, ao Hebei China Fortune. O adestrador non acaba a tempada e apostan por un adestrador de renome e así chega Manuel Pellegrini.
E como lle vai con Pellegrini, parece que é un matrimonio que funciona, non?
Eles tiñan un grupo de traballo xa desde hai moitísimos anos. Rubén Cousillas leva con el como 25 anos, xa desde a súa etapa en Sudamérica; en Vilarreal únese José Cabelo, que é a súa man dereita e preparador físico; e logo o entrendor de porteiros si que variou un pouco máis. Eles tres levan moito tempo xuntos e desde fai catro anos, traballo con eles e estou encantado.
Pellegrini é un adestrador que está á altura dos máis grandes
Cando levas trinta anos adestrando de forma ininterrompida nunha profesión como esta e con equipos que teñen o seu selo, como o Vilarreal ou o Málaga que son os máis coñecidos en España, ao final ten que ser porque é unha persoa que, á parte do manexo do cara a cara co xogador e o grupo, é tremendamente esixente. Busca sempre a excelencia e un bo rendemento
Como é o trato persoal do día a día con el?
É unha persoa cuns valores e educación marcados pola súa familia. É enxeñeiro, tivo unha educación formal moi forte, fala varios idiomas, é unha persoa interesada por moitas cousas que non están relacionadas co fútbol, como a política. Cada día falamos de infinidade de temáticas e véselle unha persoa con moito coñecemento.
No campo do trato persoal, sabendo que estamos nun contexto de rendemento e esixencia, tamén cho transmite. Ao mesmo tempo que che trata moi ben e é capaz de pelexarse por ti e buscar o mellor tanto para o grupo técnico como de xogadores para que non teñamos ningunha escusa para non facer o noso traballo de forma profesional e adecuada. Pero á vez é capaz de manter esa esixencia que lle permitiu lograr grandes cousas.
E que plans de futuro ten, quizá irse con Pellegrini á Selección de Chile?
Sempre que me preguntan algo así, digo que paso de facer plans de futuro porque a vida encargouse de cambiarmos ano a ano. É certo que estou moi cómodo con eles. Gústame como me tratan, o rol que me dan e o traballo que desempeño e encima teño a sorte de facelo nunha institución como a que estamos que é moi boa e moi peculiar dentro da Primeira División. En decembro decidiron renovar e ofrecéronme a posibilidade de seguir con eles. Quédannos tres anos e no fútbol nunca se sabe, pero o ano que vén imos estar aquí en Sevilla e oxalá podamos cumprir o contrato.
O tema da selección é algo que sempre está aí para Manuel, pero el di que lle gusta máis o día a día. Pero doutra banda tamén di que lle gustaría devolver a Chile todas as cousas que lle deron. Pero tería que ser un proxecto no que el puidese desenvolver a súa mentalidade. El non só vai a un club para lograr resultados, quere mellorar a estrutura do club, é algo que busca en todos os proxectos que ten.
Eu creo que o proxecto da Selección sería unha cousa así, terían que darse moitas circunstancias. E no meu caso idndividual tería que darse que me quixese levar con el. É mellor vivir o día a día, gozar e o que veña será benvido.