![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/520dec790014c-img_9517.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
Primeiro derbi da tempada para o Teucro cunha difícil saída a Chapela
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
Lonxe queda aquela tempada 96-97 cos dous equipos na máxima categoría. Con ese recordo presente, sobre todo para os afeccionados, Chapela e Teucro vólvense encontrar en liga (sábado 18:30 horas no Pavillón Municipal de Chapela) no que supón en primeiro derbi provincial da tempada.
Como naquela ocasión Fran Teixeira estará no banco dos locais ante un conxunto teucrista que busca manterse na parte alta da táboa.
Javier Barrios poderá contar con todo o plantel para un choque que se espera complicado, e é que o Chapela, duodécimo na clasificación, só perdeu un encontro na súa cancha, na primeira xornada ante o Alcobendas, encadeando a partir de aí dous triunfos e un empate.
Os de Teixeira chegan ademais ao derbi despois de dúas xornadas sen perder e tras lograr un meritorio empate a domicilio ante o Pozoblanco.
Pola súa banda os azuis, coa moral ao grande, esperan lograr a súa segunda vitoria como visitante despois das táboas que asinaron in extremis en Benidorm.
As entradas para o partido, segundo anunciou a directiva local, manterán o seu prezo habitual de 10 euros.