A venda dos terreos de Barro pon en mans de Nino Mirón un novo paquete accionarial do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
A venda dos terreos embargados pola Seguridade Social ao Pontevedra Club de Fútbol no monte do Rapadiño en Perdecanai, correspondentes ao malogrado proxecto da cidade deportiva que o club granate pretendía edificar no municipio de Barro, a través dunha fundación sen ánimo de lucro, van ter unha importancia decisiva no futuro da entidade.
A venda pechouse na cantidade de 81.000 euros, que pasan a engrosar as arcas da Seguridade Social, pero que converten ao verdadeiro propietario dos devanditos terreos, que non é outro que o expresidente Nino Mirón, en acredor do club por ese mesmo importe.
Facendo historia, os terreos de Barro, que quedaron nunha simple explanada, foron postos como garantía do pagamento da débeda que o club mantiña coa Seguridade Social, ao igual que un baixo comercial situado en Monteporreiro. Como queira que o Pontevedra incumpriu os pagamentos ao organismo público, este procedeu ao embargo.
Ao mesmo tempo, nun consello de administración do Pontevedra, como consecuencia da enaxenacion dos bens, adoptouse o acordo de compensar ao seu propietario, Nino Mirón, coa transformación en accións do club, mediante a correspondente ampliación de capital, polo valor que a Seguridade Social obtivera no momento de vender algunha das devanditas propiedades, valor que pasa a minorar a débeda do club co organismo.
Deste modo, segundo puido saber PontevedraViva, un dos puntos a tratar na próxima xunta xeral de accionistas, será a autorización para efectuar unha ampliación de capital, en concepto de compensación de crédito, a favor de Nino Mirón, por importe da venda anteriormente indicada dos terreos de Barro, o que significa que Mirón pasará a ser propietario de 81.000 novas accións emitidas, equivalentes aproximadamente a un 12% do capital social do club granate.
Con esta cifra, Mirón, que traspasara un 28% das accións que posuía á empresa Administradores de Economía, S.L., converterase de novo nun dos accionistas que maior porcentaxe de títulos posúe, superando o 16% das accións totais do Pontevedra, o que pode adquirir unha importancia transcendental á hora das decisións a adoptar nun futuro inmediato.
Ademais, esa porcentaxe accionarial de Nino Mirón mesmo pode crecer considerablemente se, ao igual que sucedeu cos terreos de Barro, a Seguridade Social consegue pechar a venda do baixo comercial alleado en Monteporreiro, cuxo importe igualmente sería devolto a Mirón en forma de accións do Pontevedra.