Merecidas vacacións para o plantel do Pontevedra ata o día 28
Por Manu Otero
Os xogadores do primeiro equipo do Pontevedra poderán gozar con merecemento este ano do Nadal. A boa marcha do equipo granate, que despide o ano en segunda posición e con cinco triunfos consecutivos, permitiralles desconectar durante unha semana da competición e os adestramentos, aos que non volverán ata o día 28 de decembro.
O adestrador Ángel Rodríguez concede ao seu persoal un total de oito días de descanso. O día 28 pola tarde están citados no campo de adestramento para comezar a preparar o último partido da primeira volta, previsto para o día 9 de xaneiro en Pasarón contra o Palencia Cristo Atlético.
Como marca o protocolo da RFEF e do mesmo xeito que estiveron facendo de forma periódica, á volta a Pontevedra o equipo deberá someterse a probas PCR para certificar que ningún se contaxiou de covid-19 durante as festas. Puntualizan desde o club que non deron ningún tipo de orde específica ao persoal máis aló de cumprir coas restricións e recomendacións sanitarias.
Un asunto que está aínda sen pechar é o descanso do festivo de aninovo. Vestiario, corpo técnico e dirección deportiva valorarán á volta das vacacións que facer. Unha das opcións que está sobre a mesa é a de dar descanso ao plantel o día 1 e 2 de xaneiro para que poidan pasar esas xornadas coa familia e retomar os adestramentos o luns 3 para seguir preparando o seguinte partido.
Tras a visita do Palencia, a competición volverá afrontar un novo parón planificado pola RFEF para recuperar partidos que tivesen que ser suspendidos pola pandemia. Os granates, que ata a data non se viron afectados por este problema, terían entón outra semana sen actividade que poderían empregar para preparar a fondo o primeiro partido da segunda volta contra o Compostela, que se xogará a fin de semana do 23 de xaneiro.
Recoñece o adestrador do Pontevedra, Ángel Rodríguez, que o parón do Nadal non chega no mellor momento, pero admite tamén que as vacacións son necesarias. "Veremos como nos afectan se gañamos o próximo partido ou non", chanceou o preparador tras a vitoria fronte ao Salamanca.
"Cando estás de sorte positiva queres que se prolongue, pero as vacacións véñennos ben para ver se podemos recuperar xogadores", puntualizou o técnico, que confía en ter á súa disposición tras o parón aos xogadores lesionados, especialmente a Rufo que leva 8 xornadas á marxe do grupo.