Exame no Baltasar Pujales para Rápido de Bouzas e Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Segundo partido dunha semana intensa e proba de lume para un Pontevedra irregular a domicilio. O Baltasar Pujales será escenario (xoves, 20:30 horas) do enfrontamento entre dous equipos que comezaron con paso titubeante, o Rápido de Bouzas no seu feudo, e os granates como visitantes. Será unha especie de exame para ambos os dous, que intentarán corrixir as súas respectivas traxectorias.
Baixo a dirección do colexiado coruñés, Adrián García Rodríguez, o partido será todo un exame para os dous equipos, os locais que intentan abandonar a zona media-baixa, e o Pontevedra engancharse completamente aos postos de cabeza.
A directiva do Rápido declarou o partido como medio Día do Club, polo que os seus socios e subscritores deberán retirar un suplemento de seis euros para acceder á bancada, mentres que a entrada para o público será única ao prezo de 12 euros.
Os homes de Juan Carlos Andrés estanse a mostrar máis firmes nas súas saídas que no seu propio campo, onde cederon nos seus dous primeiros partidos, fronte a Arosa e Laracha. Non obstante, a súa traxectoria como local está a ser de menos a máis, pois tras esas dúas derrotas iniciais conseguiron vencer ao Betanzos, frear ao Cerceda, cun empate, e vencer con claridade ao Deportivo B, sumando ademais cinco xornadas consecutivas sen coñecer a derrota.
Pero tampouco é que o Pontevedra poida presumir de números como visitante, xa que unicamente conseguiu unha vitoria mínima, fronte ao Grixoa, e dous empates, contra Choco e Betanzos, caendo derrotado ante Arosa e Laracha.
Nas dúas tempadas anteriores, os puntos foron para os granates, en ambos os dous casos cun marcador mínimo de 0-1 e bastantes apuros. Nesta ocasión mentres uns quererán romper o refacho, os outros sacudirse os complexos que parecen acompañalo cando sae de Pasarón.
Tras o último adestramento previo, realizado na tarde do mércores no sintético da Xunqueira, Manu Fernández facilitou a lista de convocados, para a que non tivo que pensar moito á hora de elixir. Unicamente decidir se levaba novamente algún xogador do filial para completar o grupo, ou ben apostar polo retorno dos dous lesionados que completaron o proceso de recuperación, Caco ou Santi Domínguez. Finalmente o técnico decidiu levarse ambos os dous e darlle descanso a Candela, que leva tempo con molestias nun xeonllo que se lle agravaron ao ter que traballar en superficie sintética, e co fin de non comprometer a súa participación nas próximas xornadas.
Así pois, confirmada a lista de baixas, con Javi Otero, Fran Fandiño, Pablo Lede, Candela e Tubo, o técnico granate lévase a: Edu, Paco, Adrián, Yago Vázquez, Pablo, Miguel, David Feito, Caco, David García, Moreira, David Pérez, Richi, Luismi, Pablo Carnero, Santi Domínguez e Benja.