Comeza a semana de nove puntos con urxencias para Pontevedra e Alondras
Por Ramiro Espiño
Tres partidos nunha semana. Nove puntos en disputa que poden servir para aliviar males clasificatorios ou para complicar máis aínda a vida a dous equipos que non arrancaron o campionato ligueiro cos resultados esperados. Pontevedra e Alondras inician esta semana intensa cun choque entre ambos os dous marcado polas urxencias, pola necesidade de sumar os puntos de tres en tres.
O escenario será o estadio municipal de Pasarón, domingo, ás 17:00 horas, con arbitraxe dun colexiado catalán, Héctor Robas Bondia, que dirixirá o partido como consecuencia do convenio de intercambio que manteñen xa dende hai un par de tempadas os colexios galego e catalán.
Para o Pontevedra é fundamental conseguir a vitoria co fin de achegarse aos postos altos, mentres que o rival correspondente, que adestra José Curiel, necesita puntuar para escapar da zona de descenso na que podería verse inmerso se perde.
Os de Cangas non presentan a mellor tarxeta como visitantes, non en van unicamente conseguiron sumar un punto nos catro desprazamentos realizados ata o momento, aínda que ese punto foi na Lomba, fronte ao Arosa, na xornada inaugural da liga.
Aínda así, o Pontevedra non se fía deses números. Manu Fernández intentou inculcar aos seus xogadores a necesidade de saír coa máxima intensidade para evitar sorpresas. Os dous equipos coñécense ben, non en van varios dos seus xogadores, como Carlos Campo, Nano, Denis, Lucas, Santi Domínguez e Fran Fandiño vestiron ambas as dúas camisetas, o que sempre supón un plus extra de motivación.
Os granates realizaron o último adestramento da semana na mañá do sábado, en Príncipe Felipe. Unha semana máis, o técnico pontevedrés terá que tirar do filial, ao non poder contar con seis xogadores do primeiro equipo. Confirmadas as baixas xa coñecidas de Santi Domínguez, Pablo Lede, Javi Otero, Caco e Fran Fandiño, por lesión, ademais da de Pablo, por sanción, Manu Fernández recupera a Benja, incluíndo novamente na lista de convocados a Ismael.
Deste modo non se esperan moitos cambios no once inicial, que sairá destes 16 convocados: Edu, Paco, Adrián, Yago Vázquez, Miguel, David Feito, Candela, Moreira, David García, Tubo, David Pérez, Luismi, Richi, Pablo Carnero, Benja e Ismael.