Quen é Administradores de Economía, S.L.? Coñece o novo máximo accionista do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Administradores de Economía, S.L. é o nome do novo máximo accionista do Pontevedra. A noticia, adiantada este mércores por PontevedraViva, causou un gran balbordo entre afeccionados e público en xeral, interesados en coñecer quen son e quen está detrás desta razón social, así como as súas intencións de futuro en relación coa entidade granate.
PontevedraViva conseguiu contactar este xoves cos responsables da firma, un bufete de avogados e economistas, cuxa razón social ata hai pouco era Galega de Gestiona, S.L., con domicilio fiscal en Alcobendas, pero cuxas operacións se realizan en Pontevedra e as súas oficinas tamén están situadas na cidade, concretamente dende a terceira planta do número 9 da avenida Raíña Victoria.
A administradora única da firma é Noela Martiña Gómez Serrapio, figurando como apoderado da mesma Fernando Gómez Rodríguez, coñecido empresario da cidade do Lérez, xerente de varios negocios, algúns mesmo vinculados ao sector da comunicación, non en van foi un dos fundadores do desaparecido rotativo Xornal Diario.
Aínda que os representantes da firma rexeitaron entrar en detalles da operación, se confirmaron varios aspectos desta, como por exemplo que a venda por parte de Nino Mirón do seu paquete accionarial obedece á "necesidad de hacer liquidos sus recursos económicos con el objeto de buscar un plan de viabilidad para sus empresas, que como es bien sabido no atraviesan el mejor momento. No se trata de una venta aislada de sus acciones, sino de una serie de activos de los que era propietario".
Con respecto ás intencións a futuro dos novos máximos accionistas, a posición dos representantes de Administradores de Economía, S.L. é clara: "Nuestro gabinete no pretende quedarse a largo plazo con el paquete accionarial, sino gestionarlo de la forma que estimemos más conveniente para nuestros intereses y los del Pontevedra, hasta lograr la venta a posibles inversores externos en las condiciones más favorables posibles".
Precisamente neste sentido dende o gabinete empresarial admiten que en apenas unhas horas houbo xa contactos con posibles investidores: "Desde que se hizo pública la noticia ya se han dirigido a nosotros dos posibles inversores interesados en hacerse con las acciones, aunque de momento no se puede hablar siquiera de negociaciones".
REUNIÿN COS NOVOS ACCIONISTAS
O coñecemento oficial e a situación que se produce con este cambio accionarial levou o actual membro do consello de administración, José Antonio Millán, a mover ficha. A intención de Millán, a título persoal, é solicitar unha entrevista persoal, nesta mesma semana, co obxectivo de explicarlles a súa idea do que debe ser o Pontevedra, e intentar que lle apoien no seu proxecto, ademais de coñecer de primeira man a opinión do máximo accionista e como quere facer efectivo o seu poder accionarial no club.
Por último, os representantes de Administradores de Economía, S.L. indicaron que: "Nosotros no pretendemos intervenir en el día a día del club. Apoyaremos a quien consideremos oportuno, siempre buscando lo que consideremos mejor para el Pontevedra y para nuestros intereses o los de nuestros representados".
Ademais, segundo recoñeceron, nas próximas horas remitirán un novo burofax á sede do club, solicitando información sobre as contas anuais e sobre se as devanditas contas foron sometidas á preceptiva auditoría, co fin de analizar e valorar a situación financeira do club.