Plátanos a cambio de donativos para La Palma durante o Arosa-Langreo
Por Redacción
O partido do próximo domingo 7 de novembro na Lomba entre o Arosa e o Langreo, correspondente á décima xornada de liga na Segunda RFEF, terá un compoñente solidario.
O club arlequinado, en colaboración da empresa TC Fruits, repartirá entre os afeccionados 1.200 plátanos para recadar fondos para os afectados polo volcán Cumbre Vieja de La Palma.
As pezas de froita repartiranse entre os seguidores a cambio dun pequeno donativo que irá destinado ás persoas afectadas polo fenómeno natural, aínda activo. En concreto colocaranse en cada entrada do estadio unha huchas para que os afeccionados acheguen o que consideren oportuno.
"De La Palma chéganos o mellor plátano do mundo, e gustaríanos que a mellor afección chegase aos palmeiros, coa mellor solidariedade posible", explica desde a empresa o seu xerente, Cristóbal Monteagudo.
Pola súa banda o presidente do club, Manolo Abalo, defende que" desde o Arosa damos este paso máis de solidariedade porque cremos que os nosos veciños da Palma necesitan a nosa axuda nestes difíciles momentos que lles está tocando vivir e que estamos seguros de que entre todos podemos axudarlles", sinala sobre unha acción solidaria que se suma a outras realizadas nas últimas tempadas, como a recente acción desenvolvida en outubro contra o cancro de mama coa elaboración e venda dunhas camisetas de xogo conmemorativas cuxa venda foi destinada a Adicam.