Segunda vitoria consecutiva e liderado do Comercial Durán feminino na Segunda División de voleibol
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Cambio de líder na Segunda División feminina. Cunha nova vitoria, a segunda en dúas xornadas, o Club Voleibol Pontevedra alcanzou o primeiro posto da clasificación. As pontevedresas fixérono tras vencer de forma clara ao XAV Cambados no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. De novo venceron sen ceder nin un só set, tras gañar por 3-0 en tan só 59 minutos de partido.
Era o primeiro partido en casa do equipo pontevedrés. Querían agradar á súa afección e fixérono con fartura. Do mesmo xeito que a semana pasada, xogaron Patricia Valcárcel, Ariadna Hernáiz, Flavia Besada, Ana Abeledo, Castro, Neira, Rodríguez, Nerea Lores, Lariño e Abal. E apenas sufriron para impoñerse aos seus rivais. Venceron os dous primeiros sets por un claro 25-14 e 25-15. Máis rifado estivo o terceiro, pero acabou caendo do seu lado por 25-20.
Con este resultado, o Comercial Durán ten seis puntos e comparte o liderato co Caldaria Voleyourense, aínda que as pontevedresas sitúanse por diante por mellor diferencia de puntos.
DERROTA DO EQUIPO MASCULINO
Certa mejoría notouse, por outra banda, no equipo masculino do Club Voleibol Pontevedra. Tamén debutaban en casa, pero iso non lles axudou a lograr a súa primeira vitoria. Perderon por 1-3 contra o Mexillón de Ouro VB Rianxo, no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Foi un partido moi pelexado por parte dos pontevedreses, que volveu xogar con Quico Rodríguez, Alberto Luna, Sergio Castiñeira, Gonzalo Arís, Renzo Adrianzen, González, Juan José Fraguas e Castro. Cederon o primeiro set por un apertado 24-26. Tras perder o segundo con maior claridade, 18-25, lograron inaugurar a súa marcador ao adxudicarse a terceira manga por 25-21. Pero no cuarto e, ao cabo, definitivo set, non puideron cos xogadores coruñeses e caeron por 15-25.
O Comercial Durán ocupa, tras esta derrota, a penúltima praza da Segunda División masculina. Non estreou aínda a súa conta de puntos.