A lesión de Adrián Camiño condiciona ao Arosa que volve caer (1-0) nos últimos minutos
Por Redacción
Repetiuse a historia. Outra vez os minutos finais, por segunda xornada consecutiva, resultaron fatais para o Arosa, que perdeu ante o Somozas cun gol de Javi Rosa, tras un partido marcado dende os primeiros compases polo infortunio, xa que o capitán vilagarciano, Adrián Camiño, cando aínda non se chegara ao primeiro minuto de xogo, ao realizar un mal xiro resultou lesionado, e aínda que intentou volver ao xogo tras ser atendido por espazo de varios minutos, tivo que retirarse entre bágoas de dor, facendo temer por unha grave lesión no xeonllo.
O Arosa acusou a lesión de Camiño. Perdeu o seu compás no centro do campo e permitiu que o Somozas fose facéndose pouco a pouco dono do partido. Antas no minuto 26, Héber e José Manuel, no 33, tropezáronse coa figura dun enorme Jorge Pérez, que conseguiu evitar que os visitantes marchasen ao descanso con vantaxe.
Non cambiou a decoración tras o descanso. Un Arosa descoñecido seguía a mercé do rival. Edi estrela o balón no longueiro, minuto 57, tras un bo centro de Héber. Mentres, os locais só conseguirían crear relativo perigo en dúas ocasións, a mellor nun remate de cabeza de Martín, minuto 69, que parou Cristian sen problemas.
E cando o partido agonizaba o Somozas encontrou o premio ao seu mellor xogo e maiores oportunidades cando xa case ninguén o esperaba. Un centro dende a esquerda de Héber, remátao Antas. Jorge Pérez consegue desviar unha vez máis, pero non pode evitar que o rexeitamento o aproveite Javi Rosa para, cunha bonita chilena, darlle a vitoria ao equipo visitante.
AROSA, S.C. (0): Jorge Pérez; Santi (Juanjo, min. 70), José Ángel, Martín, Munín, Rivas, Nando, Jesu, Hugo, Adrián Camiño (Ramón, min. 7) (Álex Freire, min. 56) e Eloy.
U.D. SOMOZAS (1): Cristian; Javi Rosa, José Manuel, Álex Bao, Yago, Edi (Pablo Berros, min. 90), Héber, Baleato, Rubén (David Franch, min. 72), Antas e Luis Ángel (David García, min. 91).
Árbitro: Rubén Extremadura Hernández (Vigo), auxiliado nas bandas por Javier Gil Escudero e Jorge Correia Caballero. Amoestou a Jorge Pérez, polo Arosa, e Héber, polo Somozas.
Goles: (0-1) Minuto 90: Javi Rosa.
Incidencias: Campo Municipal da Lomba (Vilagarcía). Preto de 1.000 espectadores.