Recibido con pitos e despedido con ovación, o Pontevedra vence (2-0) e convence fronte ao CD As Pontes
Por Ramiro Espiño
Cando as lanzas se tornan en canas. Abondou ver o cambio radical de actitude dos xogadores do Pontevedra no partido que os enfrontaba ao CD As Pontes, para que a bancada de Pasarón cambiase a xustificada apupada con que recibiu o equipo, por unha pechada ovación ao termo da primeira parte e ao finalizar o partido. E é que calquera parecido deste Pontevedra co que deambulaba sen rumbo polo campo nas sete xornadas anteriores é froito da coincidencia.
Eran os mesmos xogadores, na súa maioría, pero nin era a mesma actitude, nin a mesma intensidade, nin tampouco o mesmo posicionamento táctico. A provisionalidade no cargo de Manu Fernández como técnico non lle impediu adoptar decisións que, polo que se viu, sentaron de marabilla a un equipo transformado.
E o traballo deu os seus froitos. De entrada un cambio táctico, pasando do 4-4-2 a un 4-1-4-1, que se ben durou pouco pola temperá lesión de Pablo Lede, deixou esbozado a un equipo máis solidario, no que todos se ofrecían, todos querían balón, sempre partindo da base de acurtar a distancia entre liñas para permitir a presión ao contrario no seu propio terreo, sen deixarlle moitas opcións de saír con perigo.
Xogadores que ata agora eran unha sombra de si mesmos, pasaron a ter unha participación fundamental no xogo. Cun Moreira inmenso no centro do campo, e con Luismi e Carnero incansables arriba, sempre ofrecéndose, desmarcándose, combinando e creando inquietude á experimentada zaga visitante.
Certo é que o partido estivo condicionado por un penalti tan claro como evitable, cometido polo porteiro Kiko, que serviu para tranquilizar as revoltas augas. Pero ata niso o erro do porteiro hai que achacarllo a ese cambio de actitude e mentalidade dos granates, con Tubo perseguindo un balón pouco menos que imposible, e provocando a inxenuidade do porteiro, que o arrastrou nunha saída tola.
Ata entón pouco destacado pasara. Os visitantes mostraron o seu carácter de equipo feito, ben plantado sobre o terreo, e o Pontevedra intentaba ter o balón e se o perdía mordía ata recuperalo ou provocar o fallo do contrario.
Marcou Feito o 1-0, enganando a Kiko no lanzamento do penalti. E o partido púxose costa abaixo para os locais. Era o minuto 19. Por entón xa a bancada comezaba a mostrar signos de reconciliación cos seus, en recompensa por pasar da apatía doutras tardes á entrega desta.
Ás Pontes non chegaba en ataque e só inquietaba lixeiramente a balón parado. A súa ocasión máis clara, a única de todo o partido, veu preto da media hora, cando unha falta lanzada por Bossa a manda Nano fora, moi cerquiña do poste.
A resposta do Pontevedra sería unha acción con gol ben anulado a Pablo Carnero, por fóra de xogo previo de Yago Vázquez, como preludio do segundo gol local. Todo un golazo iniciado nunha saída dende atrás do central Pablo, quen tras combinar con David Pérez chega ata a liña de fondo, coma se fose un extremo, e a pon na cabeza de Luismi que peitea en vaselina sobre Kiko.
Para a segunda parte quedaba conservar a renda e intentar sentenciar nunha contra. A ocasión máis clara tívoa nas súas botas Carnero, minuto 48, tras un lanzamento de falta botado por David Feito, pero Kiko conseguiu rexeitar.
Ás Pontes quixo estirarse, pero o Pontevedra entón mostrouse firme e seguro atrás sen conceder nin unha sóla opción. Tapando a saída de balón de Bossa e facendo que os visitantes tivesen que recorrer o seu central, Pablo López, como opción para iniciar xogadas, sempre abortadas sen dificultades.
O asubío final foi recibido con alegría, pero máis que pola vitoria porque este é o Pontevedra que o afeccionado quere ver cada xornada. Un Pontevedra entregado, loitador e xeneroso no esforzo.
PONTEVEDRA C.F. (2): Edu (2); Adrián (2), Yago Vázquez (2), Pablo (2), David Feito (2); Candela (2); Tubo (2), Pablo Lede (s.c.), Moreira (3), Luismi (3); e Pablo Carnero (3).
Substitucións: David Pérez (2) por Pablo Lede, minuto 14. David García (1) por Tubo, minuto 72. Richi (s.c.) por Pablo Carnero, minuto 84.
C.D. AS PONTES (0): Kiko (1); Rochela (1), Pablo López (3), Aitor Díaz (2), Pablo Domínguez (1); Nano (1); Iván (1), Dani (1), Bossa (2), Amado (1); e Sergio Arias (1).
Substitucións: Chicho (1) por Dani, minuto 58. Fidi (1) por Iván, minuto 58. Álex (s.c.) por Nano, minuto 78.
Árbitro: Alejandro del Río Amor (A Coruña), auxiliado nas bandas por Diego Sánchez e ÿdgar Soto. Amoestou a Edu, Tubo e David Pérez, polo Pontevedra, e a Nano, Pablo López e Sergio Arias por As Pontes.
Goles: (1-0) Minuto 19: David Feito transforma un penalti cometido por Kiko sobre Tubo, enganando o porteiro visitante. (2-0) Minuto 37: Luismi peitea de cabeza en vaselina sobre Kiko un centro de Pablo dende a liña de fondo.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón. Uns 1.000 espectadores.
VESTIARIOS:
Manolo García: "Dende onde estou non sei se foi ou non penalti, pero a min pareceumo"
MANOLO GARCÍA: Non buscou escusas o técnico visitante á hora de analizar o partido: "Dende logo a xogada do penalti foi decisiva, tanto como evitable. Ata entón non sucedera gran cousa, como dis, tiñamos o partido ben controlado ata que vén a ocasión do penalti. Eu dende onde estou non sei se foi ou non, pero a min pareceumo e díxenllelo tamén aos meus xogadores. Poden protestar ou o que sexa, pero dende onde estaba eu parecíao. ÿ unha acción evitable que fai que todo o que pensaras se poña máis difícil. A partir de aí o Pontevedra soubo mandar e demostrou que é moi difícil facerlle ocasións. Dende o gol eles estiveron máis cómodos, tiveron máis o balón, e outra concesión ao meu modo de ver, porque non podes recuperar o balón tres veces para entregalo de primeira ao rival, métennos o segundo gol e xa é complicado. O Pontevedra estivo mellor nas disputas de balón, e souberon non o perder, polo menos non o perder en situacións de perigo. Logo na segunda parte fixeron un bo traballo a nivel defensivo, estiveron moi ben posicionados e gañaron xustamente".
MANU FERNÁNDEZ: Con serenidade pero con alegría pola vitoria e a boa imaxe do equipo, así compareceu o adestrador granate: "Unha cousa leva un pouco á outra. A actitude dos xogadores levounos á vitoria. Necesitabamos os puntos e por iso era importante gañar, pero tamén dar a cara no sentido de loitar con intensidade, de darlle un xiro a isto en canto a actitude, compromiso e solidariedade entre os xogadores. Creo que se logrou e que máis intensidade que a que puxo o equipo hoxe é complicado que poida verse".
Manu Fernández: "A xente ten todo o dereito do mundo a criticar o equipo, pero a partir do primeiro minuto apoiounos"
Con respecto ao recibimento do público ao equipo ao saltar o terreo de xogo, Manu Fernández non se mostrou estrañado: "Xa supoñiamos que ía ser así. ÿ normal, o equipo ten que aspirar a estar arriba e está nunha posición que non ten que estar, polo que é evidente que a xente ten todo o dereito do mundo a criticar o equipo. Non obstante a partir do primeiro minuto a afección apoiounos, que é o que lle pedía durante a semana, e os xogadores están convencidos de que a base de traballo se cambiarán as críticas para ben. Este campo, xa llelo dixen aos xogadores, ás veces é complicado ser local, pero tamén o público é moi xeneroso co esforzo. A xente valora moito o esforzo do futbolista e hoxe viuse que simplemente con ese esforzo o público se envorcou connosco. Esa é a base do éxito de calquera equipo".
Tamén fixo referencia ao seu futuro inmediato no banco granate: "Tomei o partido coma se fose o meu equipo. Non podo pensar que isto é para unha semana, só en facer o meu traballo co máximo compromiso, sen pensar en que hoxe remato, se non en traballar e facer os cambios que considerei oportunos sen pensar en que o que veña o arranxe. A semana está planificada, mañá adestramos e o que pase en diante depende do consello, que é quen ten que tomar as decisións".