Xornadas de tecnificación nun Arxil que despide a tempada dos seus equipos
Por Redacción
A situación sanitaria, aínda que moito mellor que en datas recentes, non permitiu ao Club Baloncesto Arxil despedir a tempada dos seus equipos como lle tería gustado.
O club pontevedrés, concluída a actividade en todas as categorías, quixo pechar o curso co seu tradicional acto de despedida, aínda que sen xuntar a todas as xogadoras do club para evitar aglomeracións innecesarias.
Tras esta despedida o campus de tecnificación iniciado esta semana toma a testemuña para prolongar a actividade arxilista ata o 30 de xuño.
Medio cento de xogadoras do club comezaron o mércores as sesións do campus nas instalacións do pavillón universitario e nas pistas exteriores do colexio Vidal Portela.
Nestas xornadas as deportistas traballarán en aspectos relacionados coa técnica individual e preparación física baixo a dirección de Moncho Soage e coa colaboración de adestradores doutros clubs como Diego Gómez (adestrador do Peixe Galego con experiencia en LEB Ouro) e Álex Hermelo (CAB Pontevedra) e de xogadoras como Margarita Moreira.