Vitoria do Teucro feminino no seu primeiro partido na casa, ao derrotar (27-20) ao Goldie Xiria
Por Redacción
Non puideron empezar mellor as cousas para o equipo feminino do Teucro no seu debut ligueiro no Pavillón Municipal dos Deportes. Conseguiron a súa primeira vitoria da tempada ao derrotar con claridade ao Goldie Xiria por 27-20, un resultado que non reflicte a gran igualdade que ambos equipos demostraron durante a maior parte do encontro.
Tanto as 'guerreiras azuis' como as xogadoras de Carballo saltaban á pista con moitas ganas de estrear o seu casilleiro de puntos en liga. Os dous equipos debutaran a semana anterior con derrota, o Teucro fronte ao Serviauto Bueu Atlético e o Goldie Xiria ante o BM Camariñas. E esa loita polos dous puntos provocou que unhas e outras cometesen moitos erros nos primeiros compases do partido, froito dos nervios.
O Teucro comezou moi ben o partido. Pronto se puxeron tres goles arriba, pero numerosos fallos nos pases, con continuas perdas de balón, fixeron que as de Carballo remontasen e empataran a cinco o marcador. Nos primeiros quince minutos, o partido estivo moi igualado e as pontevedresas defenderon notablemente ben. Pero unha serie de erros nos extremos fixeron que, ao descanso, o Goldie Xiria gañase por 9-11.
Souberon reaccionar as xogadoras pontevedresas no segundo tempo. Con cambio na portería e funcionando os extremos, por onde entraron a maioría dos goles do Teucro, as azuis lograron dar a volta ao marcador. A partir de aí, o partido foi un monólogo local. Cunha reforzada defensa e unha gran efectividade no contraataque, o Teucro logrou finalizar o partido con sete goles arriba no marcador.