Aprobados os cambios no baloncesto feminino, co Arxil nunha LF2 que pasa a ser a terceira categoría
Por Redacción
A Federación Española de Baloncesto (FEB) vén de aprobar cambios importantes na estrutura do baloncesto feminino, coa creación da anunciada nova categoría só por baixo da Liga Feminina.
Nese segundo chanzo estarán 16 equipos entre os que se atopan todos os que xogaron este curso a fase de ascenso á máxima categoría xunto aos descendidos Quesos El Pastor de Zamora e o Al-Qázeres.
Desta forma o Club Baloncesto Arxil pasa a estar encadrado na terceira categoría, unha Liga Feminina 2 que contará con dous grupos de 14 equipos.
Ademais das pontevedresas, o baloncesto galego estará inicialmente representado na mesma polo Cortegada, Maristas da Coruña e o Rosalía compostelán.
Ante este panorama o club arxilista traballa xa na próxima tempada coa idea de competir na LF2, aínda que mirando de esguello a se se produce algunha renuncia na recentemente creada categoría que estará un banzo por encima. Nese caso, confirma a entidade, tentarán optar a esa praza.