O Arxil preséntase ante a súa afección cun amigable contra o Instituto de Fertilidad Air Europa
Por Redacción
Terceiro encontro do Arxil nesta pretemporada e o primeiro en casa. Este domingo 29 de setembro, ás 11.30 horas, o Arxil debuta ante a súa afección. Será no pabellón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva contra o Instituto de Fertilidad Air Europa de Baleares, un conxunto que está en Galicia acompañando ao seu equipo de LEB Prata, que xogará en Marín contra o Peixegalego.
Este equipo, recentemente ascendido á Liga Feminina 2, reforzouse de forma notable, segundo sinalan desde o club pontevedrés, dando un salto de calidade ao persoal. Seguen no equipo Miriam Rollán, Joana Adrover, Marta Castro, María del Mar Alzamora e Victoria Alzamora; e ficharon para esta tempada a Bárbara Matemalas (Univ. Oviedo), María España (Cortegada), Alejandra Quirante (Celta) e Ashley Bruner (U. South Carolina).
Para este partido, que servirá de presentación do primeiro equipo ante a afección, o Arxil contará coa participación de María González, María Quiroga, María Lago, Carla, Sandra, Andrea, Cristina, Fany, Ana Martín, Jara e algunha sorpresa, seguramente do Arxil Mafari Café. Aínda non poderá debutar a Tajay Asmeade que está disputando coa súa selección o campionato americano ata o 3 de outubro.