![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/535000e457da2-monte-porreiro.jpg)
© Tenis de Mesa Monte Porreiro
O Club de Tenis de Mesa Monte Porreiro pecha a mellor pretemporada da súa historia
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Non lle puideron ir mellor as cousas ao Club de Tenis de Mesa Monte Porreiro na súa pretemporada. Os seus dous equipos, o Enmacosa e o Setga seguen arrasando, tanto na categoría absoluta como nas inferiores. O seu último éxito, esta fin de semana en Gondomar. Lograron a súa terceira vitoria consecutiva ao adxudicarse a XII edición do torneo internacional Concello de Gondomar, o prestixioso torneo que organiza o Club AD Vincios.
Unha vez máis, os xogadores pontevedreses da base disputaban a súa proba o sábado, onde se confirmaron as boas sensacións dos torneos anteriores, arrasando na categoría infantil feminina, con Sara Rial, Noelia Santiago e Antía Torres alcanzando os primeiros postos, tras realizar un torneo espectacular.
Aí non quedou a cousa vencendo e alcanzando a final por terceiro torneo consecutivo Noa Bernárdez na categoría alevín feminina. Non puideron repetir resultado na categoría alevín masculina. José Manuel Rodríguez, actual campión galego, alcanzou as semifinais pero atopouse cun gran xogador portugués co que non puido, quedándose ás portas do podio.
Pola súa banda, na categoría xuvenil masculina, de novo os mozos do Enmacosa, Crístofer Santiago e Carlos Casal, alcanzaron o terceiro e cuarto posto respectivamente, cedendo en semifinais ante o xogador local Martín Pintos e o santiagués Uxío Regueiro.
O colofón chegou o domingo, demostrando que o do torneo anterior non foi flor dun día. As xogadoras Stefani Conic, Eli Cadilla e Vicky Cadilla, do Setga de División de Honor, lograron situarse nos tres primeiros postos; mentres que dous xogadores do equipo masculino do Enmacosa, Dani Conic e Nacho Fernández, quedaron primeiro e segundo respectivamente.
De novo o equipo pontevedrés non puido contar co seu mozo estrela Santi Prieto, que continúa a súa preparación no Centro de alto rendemento Joaquín Blume de Madrid.
Este resultado, sumado ao resto da excepcional pretemporada, demostra que ambos equipos están xa preparados para un inicio de liga que se prevé ilusionante. O primeiro partido do primeiro equipo masculino será contra o Establecementos Otero de Cambados e terá lugar no Pabellón Príncipe Felipe de Pontevedra o 6 de outubro ás 11.00. Pola súa banda, o equipo feminino xogará a súa primeira xornada en Santiago o día 5 ante o todopoderoso Arteal.