Poio destina máis de 117.000 euros a axudas ao deporte
Por Redacción
A concelleira de Deportes de Poio, Marga Caldas, daba a coñecer este mércores as liñas de axudas que desde o seu departamento municipal se repartirán entre o tecido deportivo de Poio ao longo deste ano. A contía destas axudas ao deporte supera os 117.000 euros.
A edil nacionalista destacaba as achegas que se adxudicaron para este exercicio aos diferentes clubs que forman parte das escolas deportivas, ás que se destinarán 49.165 euros. Caldas Moreira apuntaba á importancia de que a administración local subvencione a estas entidades, xa que "veñen realizando un labor imprescindible desde hai anos para fomentar os hábitos saudables entre as nosas crianzas".
Así mesmo, a concelleira do equipo de goberno insistía en que o traballo destes clubs adquiriu especial relevancia durante o último ano, a partir da chegada da COVID-19. "O deporte foi un dos sectores que sufriu as consecuencias da pandemia cun maior impacto. A pesar de todo, os clubs e agrupacións deportivas de Poio foron todo un exemplo á hora de adaptarse a este novo contexto", manifestaba Caldas.
Con respecto ás subvencións, Marga Caldas explicou que o Concello realiza achegas nominativas, que son adxudicadas en función do número de alumnos e da modalidade de cada disciplina, tendo en conta as necesidades dos solicitantes.
Á marxe das axudas destinadas ás escolas deportivas, a Concellería de Deportes impulsa unha liña de subvencións por concorrencia competitiva. Neste caso trátase de contías que se reparten en función dos puntos acadados polos aspirantes na fase de valoración de méritos, establecidos nas bases oficiais. En concreto, o departamento municipal conta con 30.750 euros para clubs e 3.400 para deportistas.
No caso destas subvencións, "estamos á espera de que se confirme a aprobación definitiva do orzamento municipal para poder completar o expediente", puntualizaba a titular de Deportes.
En canto aos patrocinios a clubs de alto nivel, repartiranse 34.250 euros.
Relacionadas:
-
As escolas deportivas de Poio pechan o seu prazo de anotación con 541 rexistrados
Por Redacción |
-
As escolas deportivas de Poio comezan o 4 de outubro cunha oferta de once disciplinas
Por Redacción |
-
Marga Caldas: "Chegou o momento de que o motor deportivo de Poio volva funcionar a pleno rendemento"
Por Redacción |
-
O ximnasio municipal de Poio reabre este mércores con restricións
Por Redacción |
-
Poio pon en marcha un plan de reactivación no deporte para principios de marzo
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
Poio inicia a actividade das súas escolas deportivas municipais con preto de 350 inscritos
Por Redacción |