O Náutico de Sanxenxo prepárase para a súa regata raíña
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A regata El Corte Inglés Master, organizada polo Real Club Náutico de Sanxenxo, cumpre cinco anos cunha edición que se desenvolverá dende este venres 13 de setembro ata o domingo día 15.
Considerada como a regata raíña entre as organizadas polo club, a proba disputarase nun campo de regatas habilitado fronte á praia da Lanzada.
A organización espera a presenza das embarcacións máis punteiras do panorama galego nun programa de seis probas para as frotas ORC 0, 1, 2 e 3.
Entre os favoritos destacan o Solventis Euroffers de Malalo Bermúdez de Castro e o Movistar de Pedro Campos, dous barcos que se proclamaron vencedores das citas galegas previas como o Trofeo Infanta Elena e o Trofeo Príncipe de Asturias.
Para completar o programa de competición El Corte Inglés Máster contará por terceiro ano coas velas clásicas dos rechamantes barcos de época. Esta frota, xunto aos ORC Especial, competirá durante dúas xornadas fronte á praia de Silgar.