O Ribadumia gaña en Bouzas para subir á cuarta praza e o Arosa supera o Estradense
Por Redacción
Segunda vitoria consecutiva do Ribadumia, a segunda en apenas catro días, para confirmar a súa recuperación asomarse á zona nobre da táboa.
Os de Luís Carro venceron este martes a domicilio o Rápido de Bouzas (0-2) e ascenden á cuarta posición do grupo B de Terceira División con 14 puntos, a 3 do terceiro, o Alondras.
O conxunto aurinegro, crecido tras o seu sufrido triunfo no desconto a fin de semana fronte ao Pontellas, visitaba a un Rápido de de Bouzas en crise.
Pese ao resultado final, o Ribadumia tivo que traballar con seriedade o encontro, e non foi ata o fío da media hora de xogo cando logrou adiantarse cun gol de Monchito.
Co 0-1 chegaríase ao descanso, e aínda que os locais tentaron reaccionar Fran Fadiño encargouse de encarrilar o choque aos 55 minutos co que sería o definitivo 0-2.
Consulta a acta do Rápido de Bouzas-Ribadumia.
O que segue en xeira positiva é o Arosa, que sumou a súa cuarta vitoria consecutiva demostrando unha xornada máis que é un líder sólido.
Esta vez visitaba A Lomba un combativo Estradense, que fixo suar a pinga gorda aos arlequinados ata o asubío final (2-1).
Pedro Beda de penalti lograba adiantar aos de Rafa Sáez aos 9 minutos. O encontro poñíase desta forma a favor moi pronto, pero os visitantes non lle perderon a cara ao duelo e tras o descanso lograban empatar por medio de Piñeiro, no minuto 60.
Con todo por decidir o Arosa foise a por a vitoria, e de novo Pedro Beda, a tres minutos de final, resultaba decisivo co seu segundo tanto para dar os tres puntos ao seu equipo.
Coa vitoria os de Vilagarcía suman 21 puntos e manteñen os 2 de vantaxe sobre o Arenteiro e os 4 sobre o Alondras, os seus inmediatos perseguidores.