Centos de atletas disputarán o domingo en Sanxenxo a XIV edición da Milla Urbana
Por Redacción
Todo listo para celebrar o domingo a XIV edición da Milla Urbana Vila de Sanxenxo que reunirá, como en anos anteriores, a centos de corredores tanto afeccionados como federados. Todas aquelas persoas interesadas en participar nesta xa tradicional cita deportiva poden formalizar a súa inscripción a través de deportes@sanxenxo.org, chamando ao número de teléfono 986 727 936 ou personalmente no Pazo Emilia Pardo Bazán.
A competición desenvolverase no paseo de Silgar ao longo de distancias diferentes segundo a categoría, de forma que os grupos de prebenxamíns, benxamíns e alevíns percorrerán 400 metros e os infantís e cadetes alcanzarán os 800 metros. Pola súa banda, os integrantes dos grupos junior, sénior, veteranos e os deportistas federados realizarán a milla completa, nun traxecto de 1.609 metros.
Trala última proba, ao redor das 13.30 horas, a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, acompañada da responsable da Concellería de Deportes, Isabel González, entregará, na avenida Luís Rocafort, os trofeos, medallas e premios económicos.
Os gañadores de cada unha das dez categorías, tanto na modalidade masculina como feminina, serán recompensados cun trofeo do evento, á vez que os clasificados en segundo e terceiro posto recibirán as correspondentes medallas.
Os atletas federados obterán cinco principais premios en metálico, que ascenderán a 500 euros para os primeiros en completar o traxecto, 250 euros para os segundos, 125 euros para os terceiros, 75 euros para os cuartos e 25 euros para os quintos.
Así mesmo, a organización da XIV Milla Urbana da Vila de Sanxenxo repartirá refrescos entre todos os participantes que completen a distancia estipulada para cada categoría.
Os corredores que non se anotaron previamente poderán facelo o domingo no posto que se habilitará para a ocasión na avenida Luís Rocafort, que estará aberto desde as 10.00 horas ata momentos antes do inicio das primeiras carreiras, previstas paras as 12.00 horas.