Roberto Feáns: "Eu creo que este ano ten que ser"
Por Diego Espiño
Foxe da mención da palabra ascenso, mesmo de fixar como primeira meta a clasificación para a nova Segunda B PRO, pero Roberto Feáns móstrase ilusionado co novo proxecto do Pontevedra Club de Fútbol convencido de que "se dan as circunstancias para que este sexa o ano de verdade" e poder pelexar por metas ambiciosas.
Cando se cumpre unha semana de pretempada, o conselleiro responsable da planificación deportiva, a falta das últimas entradas e saídas antes de dar por pechado o plental, atendeu a PontevedraViva.
- Empezando polo máis novo, que opinas da composición do Grupo e o Subgrupo que lle tocou ao Pontevedra, con equipos galegos, zamoranos e salmantinos?
Nós tiñamos unha orde de prioridades, mandamos unha proposta co grupo asturiano, pero nestas cousas nunca sabes que é máis fácil ou máis duro ao final. É certo que a primeira fase vai ser moi complicada, pero no outro grupo quedan só tres equipos de nivel que é o Numancia, o Burgos e a Cultural.
- Que obxectivo márcase este ano o Pontevedra? Entrar na Segunda B PRO é un mínimo?
Nós o obxectivo que nos marcamos esta tempada é gañar o maior número de partidos, que é máis complicado que nunca polo sistema de competición e pola situación. Temos que partir da base que hai que gañar un número de partidos importante para aspirar a cousas. Pensar máis aló é complicado. Loxicamente somos o Pontevedra e sempre aspiramos a todo, pero en principio imos marcar metas pequenas para conseguir algo grande. Ademais hai que traballar con humildade porque calquera che pode dar problemas.
- É que o sistema de competición permite ademais moi pouca marxe para o erro.
Isto falámolo nas formulacións da pretempada, para orientar todo a chegar ben ao primeiro partido, porque tropezar ao principio pode supoñer pelexar por outros obxectivos. O que tentamos con este equipo é que a xente se ilusione.
"Todas as partes temos que ser unha e hai que empuxar forte desde o principio porque se dan as circunstancias para que este sexa o ano de verdade"
- Foi un verán moi longo, pero empecemos polas saídas. Sorprendeu a marcha de Edu Sousa.
Foi un verán longo porque se parou de competir en marzo, a partir de aí fomos configurando o equipo, e a verdade é que exceptuando un pouco os futbolistas que decidimos non facerlle proposta ao final decidiron os xogadores. Edu sorprendeunos bastante a situación porque contabamos con que seguise, pero cada un loita polas súas cousas e xa está. A partir de aí o Pontevedra ten que seguir, tirar para diante. Cubrimos as posicións e estamos ilusionados co novo proxecto.
- A falta dos últimos retoques ao equipo, estás contento co plantel que se configurou?
Si. Creo que asinamos todo o que queriamos practicamente, ao 99%, exceptuando o tema de Edu ou de Bustos que non contabas con iso, pero reconstruímonos e seguido para adiante. Creo que trouxemos elementos novos para substituír ao que había e a xente vén con ilusión, a achegar cousas.
- Sempre se fala do difícil que é atopar a un 9, un dianteiro goleador. Nesas chega Rufo no inverno e agora regresa Charles.
O de Charles foi un boom, o fútbol son circunstancias e vímonos nunha situación que non a soñamos para poder traer a un futbolista do seu nivel, grazas á afinidade que a presidenta que tiña con el e a disposición do xogador para volver a Pontevedra. O fútbol é iso ás veces, o momento xusto, o lugar ideal…xerounos a todos un subidón de ilusión e de todo, a todos os niveis.
- Notades esa ilusión na afección?
Eu creo que si. Buscamos a fórmula para facer un esforzo e montar un equipo bo traendo a xente que ilusione. Eu creo que este ano ten que ser. Todas as partes temos que ser unha e hai que empuxar forte desde o principio porque se dan as circunstancias para que este sexa o ano de verdade.
- Sen coñecer cifras, presuponse un esforzo económico que imaxino complicado nun momento de tanta incerteza como o actual, coa Covid-19. Supón isto unha aposta arriscada?
"Xamais se nos ocorrería poñer en perigo a viabilidade do club. Os esforzos van acordes co proxecto que temos, cos ingresos"
Movémonos como todos os anos nunha cifras asumibles para o club, e as que non son asumibles para iso temos un Consello de Administración comandado por unha presidenta que onde non pode chegar ao club sempre está ela. Dentro das nosas posibilidades a cifra vai diferir pouco da ano pasado, que iso é importante. Xamais se nos ocorrería poñer en perigo a viabilidade do club. Os esforzos van acordes co proxecto que temos, cos ingresos.
- En canto ao que queda por facer a nivel deportivo, parece claro o obxectivo de incorporar a un defensa central. Que me dis de Xisco Campos? ** (a entrevista realizouse horas antes da confirmación da súa fichaxe)
Neste momento o Pontevedra é unha praza boa para moitísimos futbolistas dese nivel. Non só o nome que me dás é moi interesante para nós, senón outros moitos dese nivel.
- Que opinas entón que falta por reforzar?
Está claro que neste momento o centro da defensa é unha prioridade, acertar aí, sobre todo para ter esa seguridade. Axudaríanos a ter esa solvencia que buscamos para partidos complicados. O resto de posicións estamos en todas practicamente co que queremos. Quedarán un par de pinceladas que iremos decidindo ao longo da tempada sobre todo vendo as circunstancias nas que estamos.
- Afecta á planificación a posibilidade de contaxios?
Por iso estamos a valorar se realmente facer máis fichas de xogadores da base, que xa de seu temos 7 nestes momentos, pero claro é certo que o proxecto do filial tamén é importante e queremos competir. Hai que buscar o equilibrio para non penalizar a ese equipo e ter xogadores que poidan aportar arriba.
- Aínda poden darse baixas?
Pode darse algunha circunstancia pero en principio deberiamos estar ben cubertos.
- Co equipo adestrando e os protocolos cada vez máis definidos, como vai ser a tempada no que respecta a partidos amigables?
É unha pregunta moi complexa porque falamos con clubs de Segunda pero non lles permiten xogar con Segunda B. Imos ter partidos, iso seguro, pero que nos dean o máximo de garantías ao nivel de protocolo.
- Por último, crees que a afección poderá acudir esta campaña a Pasarón?
Estamos a pelexar por iso e esperamos conseguilo, porque para nós é moi importante que a xente estea a apoiar. Gustaríanos que puidesen entrar o maior número de socios e de afeccionados, porque o final o fútbol sen afeccionados non é fútbol. Eu son optimista, non se se para a pretempada pero para a liga si.
Relacionadas:
-
O Pontevedra contacta cos seus socios para saber se querrán ir ao fútbol este ano e distribuilos no estadio
Por Manu Otero |
-
Primeiro amigable e primeira vitoria para o Pontevedra, ao superar o Coruxo no Vao (0-1)
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra iniciará a liga en Ferrol e espera a visita do Deportivo a Pasarón o 6 de decembro
Por Diego Espiño |
-
Jesús Ramos, sobre a chegada de máis reforzos ao Pontevedra: "Se cadra temos as solucións na canteira"
Por Diego Espiño |
-
Acordo con Álvaro Naveira para a súa saída do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Xisco Campos: "Creo que o Pontevedra ten un proxecto que ilusiona. Foi moi fácil decidirme"
Por Diego Espiño |
-
Xisco Campos, confirmado como novo xogador do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra xa ten rivais: xogará contra galegos e equipos de Zamora e Salamanca
Por Diego Espiño |
-
Charles volverá lucir o 18 na súa volta a Pasarón e Romay herda o 10 que deixou Bustos
Por Manu Otero |
-
Ibrahim Baptiste volve ao primeiro equipo do Pontevedra como axudante de Jesús Ramos
Por Manu Otero |
-
Mestura de ilusión e preocupación na volta ao traballo do Pontevedra
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
O Pontevedra 20/21 ponse en marcha
Por Diego Espiño |