Representantes de Peñas do Pontevedra réunense con Louzán, Fernández e accionistas maioritarios
Por Ramiro Espiño
Achegar posturas e xuntar forzas para apoiar o Pontevedra. Ese é o obxectivo da reunión que celebrarán a última hora da tarde do xoves, nas oficinas do Pontevedra C.F., en Pasarón, un grupo de representantes de distintos colectivos de afeccionados e Peñas do club, afíns a Acción Granate, co presidente da entidade, José Manuel Fernández, e co presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán.
Ademais, á reunión está previsto que asistan igualmente algúns dos accionistas maioritarios, casos de Nino Mirón, Monbús ou Sercoysa, aos que se sumou tamén polo menos, en última instancia, o anterior presidente, Mauricio Rodríguez. En principio, e dado que se encontra de vacacións, quen non está previsto que asista será o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.
Os representantes das Peñas acoden coa esperanza de poder alcanzar algún tipo de acordo que permita restablecer a paz social no ámbito do club, e proporcionarlle unha estabilidade necesaria para afrontar unha tempada na que o único obxectivo ha de ser o ascenso de categoría.