Dobre derbi para comezar a Rexional Preferente: Villalonga-Portonovo e Xuventude Sanxenxo-Ribadumia
Por Redacción
Consulta o calendario completo da Rexional Preferente Grupo Sur
Tras coñecerse o calendario da Terceira División, a Federación Galega de Fútbol realizou o sorteo do calendario da Rexional Preferente, que tamén bota a andar o próximo 25 de agosto, e o resultado dese sorteo deparou xa emocións fortes para a primeira xornada, con dous derbis para abrir boca: un atractivo Villalonga-Portonovo e un non menos interesante Xuventude Sanxenxo-Ribadumia.
Sen dúbida catro dos máximos aspirantes aos postos de honra veranse as caras nesta primeira xornada, que ademais ten tamén partidos complicados para o Céltiga, que ha de visitar o campo dun dos equipos revelación da pasada tempada, como o Valladares, mentres que o filial granate, o Pontevedra B, viaxará ata Aldán, para enfrontarse ao Rápido Baía e o Unión Grove debutará en Gondomar.
Pero é que a segunda xornada mantén a tónica de enfrontamentos entre rivais próximos, con outro derby local en Baltar, entre Portonovo e Xuventude Sanxenxo, mentres o Pontevedra B recibe o Villalonga, para a xornada seguinte render visita a Baltar de Arriba.
En suma, un comezo de liga apaixonante neste grupo Sur da Rexional Preferente, que esta tempada promete estar aínda máis apertada e emocionante que a anterior.