![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/304/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5e5f8e33d0-img_4178.jpg)
© Real Federación Galega de Fútbol
A Terceira División galega terá dorsais fixos e convocatorias de 18 xogadores a próxima tempada
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A sede pontevedresa da Real Federación Galega de Fútbol foi escenario este martes da comisión de Terceira División, na que se aprobaron cambios rechamantes na competición para a próxima tempada.
Así, tal e como confirma a federación autonómica, deuse o visto e prace definitivo para implantar no curso 20/21 os dorsais fixos nas camisetas e a ampliación a 18 xogadores das convocatorias dos partidos, en lugar dos 16 actuais.
No asunto das convocatorias para os partidos, séguese desta forma á Segunda División B, que aprobou a medida en cursos precedentes, pero trátase dunha medida que non será de obrigado cumprimento para os clubs.
Ademais informouse da obrigatoriedade de lucir na camiseta o anagrama oficial de categoría da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), prohibiendose a estampaxe nas camisetas de logotipos doutras asociacións futbolísticas.
A orde do día completouse coa análise da nova Copa do Rei e da necesidade de cumprir coas condicións mínimas esixidas pola RFEF para evitar que os equipos non poidan xogar nos seus campos, como lle pasou esta tempada ao Bergantiños, e tamén se informou da primeira transferencia das axudas correspondentes ao programa Impulso 23.
Segundo avanzou a Federación Galega, na próxima reunión da comisión de Terceira División presentarase unha proposta de calendario, adaptado ao novo formato de Copa, para que sexa aprobado polos clubs.