A 16 Regata de Cruceiros de Aguete terá premios de ata 12.000 euros e agarda máis de 40 barcos
Por Redacción
A Ría de Pontevedra acollerá durante os días 3 e 4 de agosto unha das citas anuais máis importantes en Galicia no ámbito da vela de cruceiros, a xa tradicional Regata Cruceros de Aguete, que este ano alcanza a súa 16 edición volve ser puntuable para a Copa de España de Cruceiros da zona de Galicia. Os seus organizadores agardan a participación dunhas 40 embarcacións.
O evento estrela do Real Club de Mar de Aguete presentouse este luns anunciando que será novamente Gran Premio Deputación de Pontevedra. Este ano, ademais, está a sementar grande expectación polo Desafío Edox que outorgará premios ás tripulacións vencedoras por valor total superior aos 10.000 euros.
Tamén se poñerán en xogo outros premios como o I Trofeo Setga aos gañadores da etapa raíña costeira e o I Trofeo 99labs aos vencedores dos percorridos técnicos barlos/sotas. O valor dos premios suma máis de 12.000 euros.
O evento cumpre xa dez anos seguidos sendo considerado pola Real Federación Española de Vela co rango de Regata de Alto Nivel "pola súa excelente organización e exquisito trato aos participantes", unha categoría outorgada pola Federación a media ducia de regatas na rexión galega.
Este Campionato é itinerante polos distintos clubs da xeografía galega dende que se creou hai 9 anos. Nesta ocasión será puntuable para a Copa de España de Cruceiros Zona Noroeste xunto ás outras catro regatas do calendario galego máis importantes.
A organización espera superar as 40 embarcacións participantes. A inscrición está aberta ata o día 1 de agosto e xa se rexistraron "algúns dos mellores especialistas da zona norte", entre eles algúns vencedores en anteriores edicións, como 'Solventis', 'Gomez Mostly', 'Unus', 'Billa' ou 'Enxuto'.