Os peores números nun arranque de ano desde o descenso a Terceira
Por Diego Espiño
O ano 2020 non está a ser de momento o máis propicio para o Pontevedra Club de Fútbol, e é que a pesar de estar xa case a mediados do mes de febreiro aínda non logrou vencer nin un só encontro neste tempo.
Os granates xogaron seis encontros entre xaneiro e febreiro, co resultado de 3 empates e 3 derrotas (8 goles en contra e 3 a favor), ou o que é o mesmo, 3 puntos de 18 posibles. Un mal momento que lles fixo pasar de pelexar pola cuarta praza e por tanto polo play-off (acabaron 2019 quintos a 2 puntos da fase de ascenso) a mirar de preto os postos de descenso espertando pantasmas que parecían pasados.
Os de Carlos Pouso son agora décimos con 31 puntos, pero a só tres da zona que supoñería perder a categoría a final de tempada.
É certo que durante este período, que se ampliaría a 3 puntos de 21 posibles sumando a derrota na última xornada de 2019 en San Sebastián de los Reyes, o Pontevedra callou algún partido notable como o recente na casa ante o potente Ibiza e que pode convidar o optimismo, pero tamén é unha realidade a preocupante fraxilidade que evidenciou o equipo noutros momentos, principalmente cando o rival conseguía tomar vantaxe no marcador aproveitando en moitos casos erros puntuais ou de concentración.
Son números canto menos inquietantes para o afeccionado, e é que para atopar un precedente similar nun arranque de ano natural hai que remontarse ao 2011, onde o cadro granate só sumou 2 puntos de 18 posibles nos seus seis primeiros partidos. Aquel ano terminou supoñendo o descenso a Terceira División, aínda que cando comezou a mala serie o Pontevedra estaba xa a 1 punto da queima e non quinto como ocorreu nesta ocasión.
A única maneira de deixar atrás as dúbidas xeradas pasa irremediablemente por vencer o vindeiro domingo (17:00 horas) en Pasarón o Oviedo B, equipo que precisamente marca a fronteira coa zona de descenso. Hai tempo para a reacción, e con todo parece xa toda unha final.
Relacionadas:
-
Calma tensa nun Pontevedra que só pensa xa na permanencia
Por Diego Espiño |
-
A visita do Oviedo B a Pasarón "no es un partido más"
Por Diego Espiño |
-
Campillo, K.O. por unha escordadura de nocello
Por Diego Espiño |
-
A recuperación de Adrián Cruz, a ritmo lento
Por Diego Espiño |
-
Importante baixada no prezo das entradas para o Pontevedra-Oviedo B
Por Redacción |
-
O Pontevedra recibirá 147.000 euros da Federación Española
Por Diego Espiño |
-
Remonta o Atlético Baleares a un digno Pontevedra que merece máis pero asómase ao abismo (3-1)
Por Ramiro Espiño |
-
Pouso: "As sensacións están moi ben pero non suman puntos"
Por Manu Otero |
-
Adrián Cruz: "Ya no me veo jugando en otro club, mi idea es intentar echar raíces aquí"
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |