Estefanía López e Cristina Díaz Pache primeiras xogadoras en renovar co Arxil
Por Redacción
Primeiro foi Estefanía López 'Fani' e poucas horas máis tarde lle tocou a quenda a Cristina Díaz Pache. Ambas as dúas xogadoras son as primeiras en renovar o seu compromiso co C.B. Arxil de cara á próxima tempada en Liga Feminina 2 de baloncesto.
A xoven pivote Estefanía López cumpre a súa terceira tempada en categoría sénior, sendo a primeira xogadora que renova no C.B. Arxil 2013/2014. Terá ficha co Arxil Mafari Café da Primeira División Feminina, e será unha compoñente máis no primeiro equipo do Club Baloncesto Arxil. Dende a dirección deportiva do Club díxoselle que era o momento de dar o salto ao primeiro equipo, pero ela non quixo renunciar a ter licenza no Arxil Mafari Café para así poder botar unha man ao segundo equipo, polo que haberá moitos fins de semana que teña que xogar o dobre de partidos.
Pola súa banda Cristina Díaz-Pache chegou ao Arxil procedente dos equipos de base do Universitario de Ferrol. Os estudos achegárona ao campus de Pontevedra, o que facilitou o seu ingreso no Arxil Mafari Café, co cal foi campión galego. Ao mesmo tempo foi alternando adestramentos co primeiro equipo, o que lle permitiu dispoñer dalgúns minutos no primeiro equipo xa a tempada pasada. Agora pasará a formar parte dese primeiro equipo do C.B. Arxil de Liga Femenina 2.
Liño Vázquez continúa coas renovacións para esta tempada. A formulación da dirección deportiva é seguir renovando a todas as xogadoras do pasado curso.