Luismi agarda que Pasarón siga sendo o fortín do curso pasado no debut fronte ao Coruxo
Por Manu Otero
A nova tempada de Segunda B levanta o pano este sábado en Pasarón ás 20.30 horas cun duelo de rivalidade entre o Pontevedra e o Coruxo no que están en xogo os tres primeiros puntos da competición. "Vai ser un partido serio porque hai puntos en xogo, pero todos os equipos temos que coller aínda o ritmo adecuado de competición. Por iso é importante agora sumar e gañar o máximo número de partidos posibles, porque non é fácil porque aínda non estás ao 100 %", declarou o adestrador granate, Luismi Areda, na previa do debut dos seus na que será a súa terceira tempada sentado no banco de Pasarón.
Para comezar da mellor maneira posible, o técnico vigués ten a todos os seus xogadores dispoñibles. "Recuperamos a Adi, Javi Pazos, Javi López e Pedro Vázquez. Chegar a final de semana con toda a xente dispoñible é para estar contento", recoñece. Cos que non poderá contar son Álex González, que segue coa curación da súa boneca e aínda se adestra á marxe do grupo; Santi Figueroa, que arrastra molestias; nin Alfredo Mejía, que está pendente de recibir o tránsfer e aínda ten que mellorar fisicamente para estar ao nivel dos seus novos compañeiros.
"Agora empeza o de verdade", dixo Luismi que citou a todos os futbolistas dispoñibles para o partido, polo que terá que realizar algún descarte antes do inicio do encontro. O preparador confía que o feudo granate siga sendo o fortín do curso anterior. "Queremos volver facernos fortes en Pasarón, temos que facelo desde o primeiro partido, é a base para facer unha boa tempada", defende o técnico.
Evitou dar pistas Luismi sobre o primeiro once que exporá no debut ligueiro. "Temos dous xogadores por posición e é para sacar proveito de cada un deles segundo as necesidades do equipo en cada partido. É bobada poñer sempre aos mesmos. Ter variantes enriquécenos" explicou.
Sobre o rival, o adestrador do Pontevedra espera "un Coruxo combativo e ben posicionado. Coñecemos como traballa Michel, que sempre ten equipos ordenados, é difícil collelo descolocado. Non será fácil facerlle dano", admite. Coa visita do conxunto vigués producirase tamén o regreso dun exgranate ilustre. David Añón volverá pisar o céspede de Pasarón pero farao como visitante, algo ao que Luismi non lle deu demasiada importancia. "Añón é un exjugador do Pontevedra igual que Jacobo Trigo, son anécdotas e ao final conforme van pasando as tempadas pódense dar estas cousas", declarou.
Do que si está seguro Areda é de que o estadio pontevedrés lucirá unha boa entrada. "É bonito xogar contra un rival veciño, que nos coñecemos, o ambiente que se xera é de rivalidade e é bonito para o futbolista. Ademais haberá ambiente no campo polo horario, seguramente virán afeccionados do Coruxo", concluíu o técnico.
Relacionadas:
-
Luismi promete cambios no once do Pontevedra para recibir ao Sporting B
Por Manu Otero |
-
A páxina de Wikipedia do Pontevedra, alterada con mensaxes ofensivas cara o club e a súa afección
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra quere tinguir A Malata de granate
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra chega lanzado ao comezo de liga
Por Manu Otero |
-
Pegada e bo fútbol do Pontevedra para golear ao Arosa (0-4)
Por Redacción & Diego Torrado |