Bos resultados dos atletas da Gimnástica nos Campionatos autonómicos de Castela e León
Por Redacción
Palencia acolleu o Campionato Absoluto de Castela e León que contou coa presenza de varios atletas da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, os cales tiveron unha actuación destacada. Así David Alejandro se impuxo no hectómetro, cunha marca de 10,82, conseguindo os títulos de Campión Autonómico Absoluto e Promesa, mentres que Miguel Ángel Barros foi sub-campión Absoluto nos 110 metros valos, con 15.09.
Ao mesmo tempo, no Centro de Alto Rendemento de Serra Nevada, a Federación Andaluza organizou un control de marcas no que tamén actuaron varios atletas da Sociedad Gimnástica. Destacar a participación dos cuatrocentistas, que aínda que non obtiveron un posto de honra, melloraron ambos os dous a súa marca persoal da tempada, Eduardo Gallardo con 48.57 e Gustavo Avilés con 48.92; ademais a marca de Gustavo é mínima para o Campionato de España Promesa. Tamén Javier Rodríguez, nas instalacións de Monachil, fixo marca persoal do ano no hectómetro con 11.12.
COMEZA O CAMPUS DE VERÁN
Monitores e atletas da Gimnástica poñerán en marcha a partir do mércores, na pista do CGTD de Pontevedra, o XIV Campus de Verán de Atletismo, ao que están invitados a participar todos os nenos que o desexen con idades comprendidas entre os tres e catorce anos. A actividade impartirase os luns, mércores e xoves, de dez e media a doce e media da mañá, e concluirá o 24 de xullo. Para incribirse, aqueles que aínda non o fixesen, unicamente deben pasar polas instalacións o mesmo mércores.
Durante o mes que dure o Campus os participantes poderán coñecer a práctica do atletismo, principalmente mediante xogos; tamén haberá competicións no que o aspecto lúdico será máis importante que o competitivo.