A Escola Hungaresa regresa do Criterium Nacional de Esgrima con dous títulos
Por Redacción
Os deportistas máis novos da Escola Hungaresa de Pontevedra regresaron do Criterium Nacional de Esgrima en categorías M-10 e M-12 despois de protagonizar unha destacada actuación.
Na cita celebrada na localidade madrileña de Pinto o club pontevedrés clasificou os seus catro tiradores para as finais nas súas respectivas categorías, logrando dous títulos nacionais.
En M-12 Pablo González proclamouse campión de España despois de gañar sete dos seus oito asaltos na fase previa e impoñerse na final ao seu rival da Sala de Armas de Madrid por 10 toucados a 6. Na mesma categoría Tomás Quireza e Alberto Campelo avanzaron ata as roldas finais.
Pola súa banda Boris Bunimov logrou reeditar o título de 2012 en M-10 tras clasificarse para a fase final en cuarto lugar e impoñerse no enfrontamento definitivo ao seu rival do Club de Esgrima Villanueva por un apertado 10-9.